Vilagarcía destina a uso social o material eléctrico incautado nunha plantación de cannabis

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. DS/ARQUIVO
A acción lévase a cabo en colaboración coa FGCN, convertendo ao municipio no primeiro en recibir unha cesión de bens intervidos ao narcotráfico

Un operativo realizado na zona das Rías Baixas no que se desmantelou unha plantación ilegal de cannabis repercutirá agora no uso social a través dunha iniciativa pioneira a nivel municipal, pola que o Concello de Vilagarcía cederá diverso equipamento e material eléctrico incautado polos Corpos de Seguridade do Estado. Así, convértese no primeiro municipio beneficiario dunha cesión para uso social de activos comisados ao narcotráfico.

A cesión foi posible grazas á mediación da Fundación Galega contra o Narcotráfico e do Colexio de Procuradores de A Coruña que, xunto coa dirección xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, xestionan o Servizo de Xestión de Bens Comisados o Narcotráfico en Galicia.

O material incautado a unha organización dedicada ao tráfico de cannabis utilizábase para acelerar o crecemento das plantas e maximizar a produción cando as plantacións se atopan en espazos interiores –ocultas por tratarse dunha actividade ilegal-, para o que precisan dunhas condicións moi específicas de temperatura, humidade e iluminación que se obteñen mediante a utilización dun custoso equipamento eléctrico.

Ente o diverso material incautado atópanse varias lámpadas de 600 vatios de potencia, extractores de aire, ventiladores e pantallas, así como térmicos, reactancias ou cableado de diferentes seccións.

Neste sentido, tal e como apuntaron dende o Goberno local, "grazas á sensibilidade e ao interese" das unidades xudiciais e policiais responsables e á xa mencionada iniciativa da FGCN, persoal do Concello de Vilagarcía foi o encargado de desprazarse ata o lugar da plantación para desmontar, cargar e traer o material ata o municipio, onde se separou o que resultaba de utilidade do que non tiña posibilidade de ser reutilizado. Este último despezouse convenientemente como material de desfeito e levouse ao Punto Limpo para o seu correcto tratamento e reciclado, como é o caso de materiais illantes, papel e láminas de aluminio.

O Concello agradeceu a cesión do material que o Servizo Municipal de Electricidade e Alumeado xa leva utilizando un tempo. Por exemplo, os ventiladores puxéronse en diversas dependencias municipais de uso público durante a vaga de calor e os térmicos na instalación da cafetería do pavillón de deportes de Fontecarmoa durante a celebración do Encestarías. O resto do material vaise utilizando para reparacións e demais necesidades do servizo.

Independentemente do aforro que a cesión deste material pode supoñer para unha administración pública, o máis importante para o Goberno local é que "bens procedentes do narcotráfico, que tanto mal causa á sociedade, poidan ser recuperados e reverter dalgún xeito en beneficio público e do conxunto da cidadanía". Neste punto, o executivo socialista tamén lembra "as facilidades dadas polo Goberno do Estado ao Concello de Vilagarcía para adquirir a casa Jaureguizar, que se rehabilitará para destinar a Centro de Maiores".

Pola súa banda, dende a FGCN apuntaron que, con esta cesión para uso social, "péchase un círculo, intervense a droga antes de que chegue á rúa, detense e xúlgase aos traficantes e os bens intervidos contribúen de forma áxil a ofrecer un beneficio para a sociedade, tan castigada por estes delitos. Polo menos logramos reparar, aínda que so en parte, o dano sufrido", manifestaron. O colectivo conclúe afirmando que "este é o camiño a seguir si queremos ser eficaces na xestión do patrimonio destas organizacións criminais: eficacia, retorno económico cando se poidan vender os bens e, no seu caso, cesión para beneficio social".