Vilagarcía despraza a Matosinhos unha delegación para poñer en marcha 'O mar que nos une'

Representantes de empresas, comercio, investigación, actividades turísticas e culturais participan nas actividades enmarcadas no proxecto de irmandamento entre as dúas cidades a vindeira semana
A delegación estará en Matosinhos este luns e o martes. DS
photo_camera A delegación estará en Matosinhos este luns e o martes. DS

A reactivación do irmandamento entre os concellos de Vilagarcía e Matosinhos collerá forza a vindeira semana cun encontro entre colectivos socio económicos e culturais de ámbalas dúas cidades da eurorrexión, co obxectivo de continuar avanzando no proxecto de desenvolvemento turístico O mar que nos une. Por este motivo, tal e como se acordara na primeira toma de contacto realizada no mes de xullo, unha delegación vilagarciá encabezada polo alcalde, Alberto Varela, e composta por representantes de distintos sectores produtivos locais (comercio, conserva, investigación, promoción de eventos culturais e deportivos, artesanía, servizos turísticos…) desprazarse a Matosinhos para participar durante as xornadas deste luns e do martes no encontro técnico e de traballo que permitirán continuar concretando as accións conxuntas a desenvolver en materia turística.

A Cámara Municipal d e Matosinhos é a encargada de organizar a visita, unha intensa programación encamiñada a que ámbalas dúas cidades coñezan os seus respectivos recursos e potenciais, a efectos de colaborar na promoción turística recíproca e de establecer accións conxuntas para levar a cabo de aquí en diante, así como para tender novas liñas de colaboración comercial e empresarial que contribúan a dinamizar as economías das dúas vilas irmandadas dende 1959.

Segundo destacaron dende o Goberno local vilagarciá, ambos concellos teñen "un grande interese" en desenvolver iniciativas orientadas ao coñecemento mutuo dos seus habitantes, optimizando o potencial de cada unha das dúas localidades, creando sinerxias e favorecendo o encontro entre os axentes sociais e económicos implicados no desenvolvemento económico local e na promoción do turismo.

Neste sentido, o proxecto O mar que nos une céntrase no mar como fonte de recursos naturais e económicos para as dúas cidades irmandadas, condicionando a súa cultura e tradición. Por iso, as principais actividades a desenvolver o luns e o martes estarán centradas no mar, o turismo e a súa relación co Camiño de Santiago, a gastronomía, a colaboración empresarial, e diversas iniciativas culturais.

Tras os convites cursados e confirmados polo Concello de Vilagarcía en relación aos intereses manifestados pola Cámara de Matosinhos, finalmente na delegación vilagarciá viaxarán representantes da conserveira Profano, da axencia de turismo Tee Travel, do Centro de Investigacións Mariñás, de Zona Aberta e do Centro Comercial Arousa, dos festivais Atlantic Fest e Revenidas, do Centro de Emprendemento Craftium, da consultora en novas tecnoloxías Dous Espazos, do restaurante Derby, dos clubs deportivos Os Ingleses e S.C. Arosa e a artesá Ana Miguéns. Tamén de despraza medios de comunicación locais e a representación institucional estará composta, ademais de polo alcalde, pola tenente de alcalde, os concelleiros de Turismo, de Promoción Económica e de Mobilidade e Xestión de Fondos Europeos, así como por técnicos municipais.