Vilagarcía dará resposta a unha demanda histórica coa nova biblioteca

Carmela Silva: “Este espazo vai ser dos máis fermosos da provincia e unha nova obra de referencia para o municipio”
Visita de Carmela Silva ás obras da nova biblioteca de Vilagarcía no Liceo Casino. DP
photo_camera Visita de Carmela Silva ás obras da nova biblioteca de Vilagarcía no Liceo Casino. DP

Vilagarcía de Arousa contará para o vindeiro verán cunha nova biblioteca que dará resposta a unha histórica demanda da cidadanía para este servizo cultural. A Deputación de Pontevedra e o Concello están a abordar a reforma do local da antiga sede do Liceo Casino para construír este novo e vangardista equipamento, cuxo investimento se eleva aos 1,7 millóns de euros. A presidenta provincial, Carmela Silva, que visitou os traballos xunto ao alcalde, Alberto Varela, subliñou que a futura biblioteca “vai ser un novo referente para Vilagarcía de Arousa e unha das máis fermosas da provincia”.

Do orzamento de 1,7 millón de euros, a Deputación aporta o 70 %, 1.237.629€, e o Concello o 30%, 530.412€ e a actuación supón a remodelación total do edificio do Casino para albergar esta nova dotación. “O Concello de Vilagarcía de Arousa –destacou Silva- está a facer grandes transformacións e hoxe é dos máis innovadores da provincia e dos máis comprometidos con ofrecer á súa veciñanza os maiores e mellores servizos. Este é un goberno que transforma e fai que Vilagarcía de Arousa sexa unha gran referencia”. A presidenta subliñou a transcendencia deste investimento para a cidade, “porque os pobos grandes deben ter equipamentos vinculados á educación e á cultura cos que dar resposta ás demandas” e amosouse convencida de que será un novo referente arquitectónico para Vilagarcía de Arousa: “Non teño ningunha dúbida porque aquí se fan equipamentos que esteticamente son referentes. O foi a Escola Infantil de Vilaxoán, o é o albergue de Carril e o vai ser a biblioteca”.

Pola súa banda, o alcalde, Alberto Varela, agradeceu á Deputación a colaboración para poñer en marcha esta ambiciosa actuación que cualificou como “a biblioteca que merece Vilagarcía de Arousa”. Lembrou que a nova dotación ”resolve e dá resposta a unha demanda histórica, sobre todo da mocidade, que demandaba unha biblioteca máis grande, accesible e moderna, porque a que tiñamos quedou pequena”. O rexedor, que confía en que as obras poidan estar rematadas no verán, quixo poñer en valor que “todas as infraestruturas desta cidade levan o nome e o selo da Deputación”, tras lembrar os investimentos da Escola de Vilaxoán e o albergue, o actual da biblioteca e o vindeiro remate das obras na rúa Arcebispo Lago. “Este é un investimento moi importante –engadiu Varela- e novamente con recursos da Deputación, que pensou en que non estaba sendo suficiente o seu esforzo cos concellos e por iso creou o Plan ReacPon, para dar resposta ás demandas da cidadanía. Seguiremos traballando e, sobre todo, seguiremos traballando grazas á xenerosidade e a boa colaboración da Deputación”.

O proxecto

A actuación para reformar a antiga sede do Liceo Casino inclúe a modificación da fachada actual por un sistema de fachada ventilada con maior illamento térmico e acústico, así como a substitución da carpintería por unha con rotura de ponte térmico e vidros illantes. Tamén se impermeabilizarán as terrazas, instalaranse pavimentos de granito silvestre nos accesos e de caucho e resina nos aseos e almacéns. O proxecto tamén contempla a demolición dos tabiques para unha distribución de espazos máis abertos e interrelacionados, aproveitando a luz natural.

En canto á distribución, o acceso á biblioteca será pola antiga entrada ao Liceo Casino, haberá novas escaleiras e instalarase un ascensor adaptado. Está previsto que o antigo salón, de dobre altura, sexa sala de lectura. A parte inferior da galería dedicarase a depósito aberto, con estantes entre as dúas liñas de pilares que a sosteñen. Terá unha biblioteca infantil separada da hemeroteca pola terraza e aí estarán tamén as oficinas de administración, dirección e unha zona de ordenadores con acceso a Internet. Finalmente, a zona central (antiga cafetería) dedicarase a depósito aberto. Haberá espazo de almacenamento, instalacións e aseos. A actuación completarase co mobiliario que inclúe estantes, mesas e bancos.