Vilagarcía convértese no centro ibérico da restauración dos ríos

Acuden á cita unha trintena de estudantes de diferentes titulacións, técnicos e profesionais do sector
Vilagarcía curso verán hidrobioloxía
photo_camera Primeira xornada do curso no centro de hidrobioloxía.

A estación Hidrobiolóxica do Encoro de O Con recibe esta semana á trintena de estudantes de diferentes titulacións de grao e máster e de técnicos e profesionais relacionados coa planificación hidrobiolóxica e territorial que participan no curso de verán sobre Fundamentos eco-xeomorfolóxicos aplicados á restauración fluvial. O concelleiro de Medio Ambiente Diego García participou na apertura das xornadas que se desenvolverán entre o luns e o xoves e que converten a Vilagarcía no centro ibérico da restauración dos ríos. O edil compartiu mesa con Rufino Vieira, xefe do Centro de Hidrobioloxía do Con, con Xosé Luis Otero, coordinador científico da REBUSC, e con Horacio García, secretario do Centro Ibérico de Restauración Fluvial.

Este curso fundaméntase na necesidade de que os profesionais relacionados coa planificación hidrolóxica e coa xestión das augas, inundacións e restauración fluvial adquiran os coñecementos básicos teóricos e prácticos en eco-xeomorfoloxía fluvial. O obxectivo é que os apliquen en protocolos e índices de caracterización e a valiación hidro-geomorfolóxica, así como á hora de identificar tipos e grados de presións e impactos sobre os ríos. Deste xeito poderán implementar medidas de restauración encamiñadas á recuperación do bo funcionamento ecolóxico dos sistemas fluviais.

Durante os catro días, os participantes no curso de verán do centro dependente da USC asistirán a charlas de expertos procedentes de distintos puntos do territorio estatal, participarán nun obradoiro sobre potencialidade de uso mediante UAVs e técnica LiDAR e realizarán unha saída de campo para poñer en práctica algúns dos coñecementos abordados na actividade.