Vilagarcía en Común pide explicacións a Ravella polo deseño da rotonda do Piñeiriño

A formación considera que o inicio das obras só sementa moitas dúbidas sobre a forma da conexión, a utilidade da vía e a súa seguridade
Avenida de Cambados Vilagarcía. DS
photo_camera Avenida de Cambados Vilagarcía. DS

O Concello de Vilagarcía comezou as obras da rotonda do Piñeiriño, na avenida de Cambados, e despertou as queixas da oposición. Neste caso é Esquerda Unida-Vilagarcía en Común quen urxe ao grupo de goberno a revisar o proxecto de obra para a rotonda e a que sexa cambiado en caso de que non cumpra coas necesidades mínimas de circulación e seguridade.

Afirman dende a formación que o deseño que apuntan as obras incumpre a calidade básica dunha obra pública e parece máis ben algo feito para desorientar aos condutores. "Unha rotonda, en canto a vía de circulación, debe parecer unha rotonda. O que se está a facer no Piñeiriño é unha broma de mal gusto que pode dificultar o tráfico en lugar de facilitalo e incrementará o risco de accidentes nunha cunha circulación intensísima", sinalan.

"O deseño da rotonda vai dificultar os cambios de sentido ata case imposibilitalos para aqueles vehículos máis grandes. Os camións e autobuses veranse obrigados a invadir boa parte dos espazos destinados inicialmente a peóns ou ciclistas" argumentan dende a oposición. "Estas situacións que vai xerar o deseño desta rotonda incrementará o perigo para todos os usuarios da mesma e esta solución parece unha decisión especialmente mala se temos en conta que está a carón dun camiño escolar seguro".

Esquerda Unida – Vilagarcía en Común pide ao grupo de goberno que presente os informes da policía local, "no caso de que existen", que certifiquen a seguridade desta obra cando se poña en funcionamento, e os que recomendaron os cambios dos sentidos do tráfico na contorna. Piden ademáis que o Concello exhiba a totalidade  do proxecto e explique se foron tidos en conta os perigos para a circulación que vai xerar esta intervención. "É urxente que o goberno explique esta obra porque o que parece é unha ocorrencia da concelleira de Urbanismo que ningunea ao responsable municipal de Tráfico", sentencian.