Vilagarcía asiste as xornadas técnicas da Global Mobility Call 2022

Os expertos presentes no evento celebrado en Ifema cren que a mobilidade sostible debe entenderse como un dereito das persoas
As concelleiras coa secretaria de Estado de Transportes, María José Rallo, que interviu nun dos foros.
photo_camera As concelleiras coa secretaria de Estado de Transportes, María José Rallo, que interviu nun dos foros.
A tenente de alcalde, Tania García, e a concelleira de Mobilidade, Paola María, acudiron a varias das xornadas técnicas desenvolvidas no marco da Global Mobility Call 2022, o congreso líder en mobilidade sostible celebrado no recinto do Ifema en Madrid. A asistencia das concelleiras aos relatorios, foros temáticos e mesas redondas impartidos por técnicos neste encontro, enmárcase nas accións informativas e formativas que o goberno local está realizando co obxectivo de contrastar o modelo de mobilidade que se está a desenvolver en Vilagarcía, coñecer outras experiencias e poñerse ao tanto das liñas máis novas que están saíndo, co obxectivo de aplicalas na nosa cidade.

Un dos temas que se expuxo no Global Mobility Call é o dos modelos colaborativos para a mellora da loxística urbana de media milla, ou sistemas que permitan reducir o tráfico de vehículos de combustión para a distribución e reparto de mercancías de pequenas dimensións nos centros das cidades a través, por exemplo, da creación dun punto de recepción onde almacenar as mercadorías que chegan a un municipio e, a partir del, entregalas nos puntos de destino dentro da cidade, mediante a utilización de bicicletas adaptadas para o reparto ou pequenos vehículos eléctricos.

As concelleiras tamén asistiron ao foro sobre as novas relacións legais que se crean entre os actores da mobilidade sostible, actividade na que expertos coincidiron na necesidade de facer entender esta, a mobilidade sostible, como un dereito das persoas.

Outro dos temas abordados polos expertos nos relatorios foi as dificultades para xestionar o transporte sostible nos medios rurais ou a economía circular como medio eficaz para mellorala. As concelleiras arousanas tamén aproveitaron a súa presenza no congreso para contactar con colectivos de activistas en mobilidade sostible aos que lles expuxeron o modelo que se está aplicando en Vilagarcía para coñecer as súas opinións e suxestións ao respecto.