Vilagarcía renova o seu alumeado cun investimento de case 200.000 euros

Os traballos xa se realizaron nalgunhas vías e continuarán as próximas semanas 
Novo alumeado nas rúas de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.
photo_camera Novo alumeado nas rúas de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA.

O proxecto de renovación do alumeado público leva uns días executándose por varias rúas docentro urbano de Vilagarcía de Arousa. Esta instalación comezou polas rúas Moreira e Casal, Manuel Antonio e a contorna da rotonda do Cavadelo e os traballos continuarán as próximas semanas por outras vías da vila ata completar a substitución dun total de 515 puntos de luz por outros tantos de tecnoloxía led e a renovación de 11 cadros de mando. O Programa Operativo Sostible da Deputación Provincial de Pontevedra inclúe esta actuación que se financia nun 80% con fondos europeos xestionados a tavés do Instituto para a Diversificación (IDAE). 

O investimento é de 199.385 euros e permitirá ao Concello aforrar ata un 84% do custe do gasto actual por consumo eléctrico nas zonas nas que se está establecendo. Isto sucede porque o paso led permite diminuír a potencia eléctrica utilizada a tan só 20,7 Kw. 

As rúas beneficiadas son Arcebispo Lago e as zonas peonías adxacentes; Arcebispo Andrade; Alejandro Cerecedo e Vicente Risco; Gumersindo Nartallo, Duque de Rivas e Arapiles; García de Caamaño, Castelao, rúa O Castro, rúa do Cristo, Vergara, Juan García e Alexandre Bóveda; García Lorca e López Cuevillas; travesía de Ravella e rúa Doutor Fleming; a prolongación da rúa Doutor Moreira Casal ata a estación de ferrocarril e a avenida da Mariña.