Vilagarcía aplicará as melloras na recollida de lixo e a limpeza viaria dende o 18 de maio

Urbaser toma ese día o relevo á anterior concesionaria tras ter concluído o proceso de subrogación do persoal e o traspaso dos medios materiais
Contenedores de basura y camiones de recogida de basura en Vilagarcía DS
photo_camera Contenedores de basura y camiones de recogida de basura en Vilagarcía DS

O 18 de maio é o día sinalado para que a nova adxudicataria do servizos de recollida de lixo e de limpeza viaria do Concello de Vilagarcía, Urbaser, tome o relevo a Prezero (a antiga Cespa). A entrada en vigor do novo contrato da concesión suporá un +enorme salto cualitativo nestas dúas prestacións, que ademais de ampliarse e mellorarse, se complementan coa creación de novos servizos adaptados ás necesidades actuais do municipio e aos criterios medioambientais e de sustentabilidade que esixe a normativa europea para unha cidade do século XXI. Dada a dimensión dos cambios a realizar, todas as melloras iranse introducindo de forma progresiva e seguindo un cronograma previamente establecido. En calquera caso, o contrato debe estar en plena execución no prazo de 9 meses.

A posta en marcha do novo contrato de Contenerización, recollida e transporte de residuos, xestión do Punto Limpo e Limpeza viaria de Vilagarcía de Arousa arranca unha vez completado o proceso de subrogación por parte de Urbaser do persoal da anterior concesionaria, así como traspaso dos medios materiais propiedade do Concello.

O novo contrato supón a completa renovación do parque móbil e da maquinaria que Urbaser utilizará para a prestación dos servizos, así como a substitución de todos os contedores (excepto os de vidro) por modelos máis modernos e funcionais. Dada a envergadura destas operacións, os cambios realizaranse de xeito progresivo. A recollida de lixo comezará a funcionar co material preexistente no Concello e maquinaria da empresa, todo o cal irase substituíndo polos vehículos e maquinaria nova a medida que vaian sendo subministrados polas firmas ás que son adquiridos por Urbaser. En calquera caso, o parque móbil e a maquinaria deberá estar incorporada por completo aos servizos no prazo máximo de 9 meses.

2.585 novos contedores

O proceso de substitución dos contedores do lixo nas súas diferentes tipoloxías en base a cada tipo de residuo tamén se realizará de forma progresiva, aínda que nun prazo máis breve, xa que os novos colectores deberán recibirse no prazo máximo de 4 meses e instalarse nas dúas semanas posteriores a terse recibido. O número total de contedores amplíase (1000 unidades para a recollida convencional, 845 para envases lixeiros e 740 para papel e cartón), co que tamén melloran as ratios de número de habitantes por contedor.

Recollida todos os días da semana nas zonas urbanas con actividade hostaleira

As melloras que se aplicarán dende o principio que se farán notar na prestación do servizo e na imaxe da cidade serán as relativas á ampliación das frecuencias da recollida de residuos e da limpeza viaria. No que á recollida se refire, nas tres rutas establecidas nos núcleos urbanos, o servizo convencional (o do contedor verde) prestarase nas zonas con gran actividade hostaleira 7 días á semana (un máis que ata o de agora), quedando en 6 días no resto de áreas urbanas. Nas zonas rurais e periurbanas os camións pasarán 3 días á semana.

Urbaser prestará a recollida de envases lixeiros e papel-cartón mediante subcontrata con Coregal, a cooperativa que xa viña desempeñando as labores. O servizo farase 2 días á semana tanto nas zonas urbanas como no rural, ampliándose un día máis (serán 3 por semana) nos meses de xullo e agosto. E no que ao papel-cartón se refire, o baleirado dos contedores das zonas urbanas farase 1 día á semana en inverno e 2 en verán (o dobre que na actualidade), e 1 día á semana no rural.

Unha das melloras máis destacables da ampliación de frecuencias é a relativa aos residuos voluminosos. O servizo, que ata o de agora se prestaba de forma ordinaria 2 días ao mes ampliado con algunha recollida extraordinaria a maiores, pasará a realizarse por norma xeral e de forma estable 5 días á semana (de luns a venres). Habilitarase un teléfono e medios dixitais (unha app) para aviso por parte da cidadanía dos que se informará proximamente

Impulsar a recollida segregada de residuos

O contrato inclúe tamén a creación de novos servizos, cunha forte aposta por mellorar a recollida selectiva ou segregada. Para isto implantarase a recollida diferenciada da materia orgánica ou b iorresidos, coa posta en marcha dun servizo de recollida para grandes produtores (comedores escolares, restaurantes, hoteis, supermercados, bares…) e un plan piloto destinado á cidadanía en xeral. Ámbolos dous deberán estar en marcha dentro dos seguintes 9 meses. Tamén se ofrecerá un servizo semanal de recollida de restos de podas e se crearan tres puntos de compostaxe comunitario.

Ademais, porase en funcionamento un servizo de recollida de cartón comercial porta por porta, para evitar a acumulación de caixas e embalaxes procedentes de establecementos comerciais nos contedores de uso cidadá distribuídos polas rúas.

Intensificación da limpeza manual e mecánica nas praias

No bloque de limpeza viaria destaca especialmente a limpeza de praias, xa que o novo contrato entra en vigor case ao mesmo tempo que se inicia a tempada de baño. A limpeza manual dos areais farase 3, 5 e 7 días á semana en tempada baixa, media e alta respectivamente, complementándose con medios mecánicos, cunha periodicidade de 3, 6 e 7 días en función da época do ano. A praia canina limparase durante todo o ano e ofrecerase un servizo de recollida de algas.

No apartado de limpeza viaria destaca o reforzo das actuacións, principalmente en tempada alta, cando se porá en marcha un novo servizo de repaso en horario de tarde. Outros aspectos a salientar son o emprego de triciclos eléctricos para o desprazamento dos peóns de limpeza, ou a incorporación de sopradoras de alto rendemento e baixa emisión acústica ou o emprego dun equipo eléctrico para a eliminación de chicles, entre outros.

Importantes son tamén as prestacións do servizo de desbroce de cunetas, solares e vías públicas, que se intensifican e para o cal Urbaser porá a disposición do servizo maquinaria específica.

Papeleiras infantís, para chicles e excrementos caninos

O contrato que entra en vigor o 18 de maio inclúe ambicioso plan de instalación de papeleiras, elementos que se renovarán e ampliarán, apostando por un modelo de alto valor estético e incluíndo papaleiras específicas para chicles, dispensadores de bolsas para excrementos caninos e papeleiras con temática infantil para as zonas de xogos dos parques.

Urbaser xestionará tamén o Punto Limpo de Pinar do Rei que amplía horario de apertura pasando das 28 horas semanas actuais ás 37,5 , de xeito que os usuarios teñan máis doado facer uso do servizo. Nas propias instalacións crearase un Punto de Reparación e Reutilización de aparellos eléctricos e electrónicos, mobles e enxoval do fogar. Ademais, poranse en marcha os puntos limpos móbiles informatizados e rotatorios para ofrecer un servizo de proximidade que facilite a segregación dos residuos para a súa correcta xestión e reciclado.