Vilagarcía amplía a 39 os puntos de recollida de aceite de cociña e estende o servizo á hostelería

O Concello vén de asinar un novo convenio coa empresa que xa viña prestando o servizo no municipio nos últimos anos
Un dos contedores de recollida. DS
photo_camera Un dos contedores de recollida. DS

O Concello de Vilagarcía vén de asinar un novo convenio de colaboración coa empresa Green Ambiental SLU co obxectivo de ampliar o servizo de recollida de aceite de cociña de uso doméstico. O novo acordo permite dispor de 10 novos puntos de recollida, chegando a un total de 39 distribuídos por todo o municipio, e como principal novidade, tamén estende o servizo aos locais de hostelería do municipio. A ampliación da recollida de aceite de cociña é unha máis das medidas que está a adoptar o Concello para continuar mellorando a xestión de residuos e potenciando o reciclado.

O Concello de Vilagarcía puxo en marcha o servizo de recollida de aceites de cociña de uso doméstico no ano 2009, comezando polo centro urbano e cun número reducido de contedores, que se foi ampliando e estendendo de forma progresiva ao longo do tempo coa instalación de máis puntos de recollida e a súa distribución por todas as parroquias do municipio.

O sistema no que se desenvolve a prestación é o mesmo dende o principio: a través do convenio de colaboración coa mesma empresa e totalmente de balde tanto para o Concello como para os usuarios. É a empresa a que proporciona e instalala os contedores específicos para a recollida do aceite (polo sistema de "botella dentro") e a que se encarga de pasar a baleiralos e trasladar o residuos ata a planta autorizada para a súa xestión e reciclado, de xeito que se converten en materias primas con diferentes usos.

Dende o principio, este servizo está destinado en exclusiva aos aceites de cociña de uso doméstico, é dicir, aos que se xeran nas casas dos vilagarciáns, posto que as empresas ou negocios están obrigados por lei a dispor do seu xestor de residuos. Malia isto, co novo convenio que se vén de aprobar, créase un novo servizo destinado especificamente a establecementos de restauración e centros onde existan comedores públicos (colexios, hospitais, grandes empresas…) sempre que pertenzan ao termo municipal de Vilagarcía. A empresa xestora proporcionaralles os recipientes axeitados para almacenar o aceite usado, que substituirá por outros limpos cando vaia a recoller os primeiros.

Para poder facer uso deste servizo, os establecementos deben solicitalo previamente, o que poderán realizar contactando directamente coa empresa Green Ambiental SLU, emprazada en Lalín, ou ben dirixíndose aos mestres composteiros do Concello chamando ao teléfono 986 099 200 extensión 965.

Ademais, da recollida do aceite depositado nos 38 contedores específicos, a empresa tamén se encarga do baleirado do depósito de recollida habilitado no Punto Limpo de Pinar do Rei para este tipo de residuos.

Localización dos puntos de recollida

Os contedores específicos para a recollida de aceite de cociña distribúense en 39 puntos do municipio. Están en Castroagudín (campo da feira), Rúa 8 de Marzo (xunto a parada de bus), Trabanca Badiña (Camiño Real), A Torre (Praza de San Miguel), Guillán (Praza Santa María), Rúa San Xosé (xunto á capela), Trabanca Sardiñeira (xunto ás vivenda sociais), Camiño Veiga de Lamas, Miradoiro da Rosa (Carril), Lugar de Vilar- Bamio (xunto Casa Sindo), Pedroso-Bamio (xunto ao bar A Ponderosa), Rúa Vilar-Bamio (bar Santos), Carril (Alameda), Rúa Lucena, Avenida Rosalía de Castro (parque Compostela), Vilaxoán (Parque Dona Concha fronte á Praza de Abastos), Sobradelo (xunto ao bar Rosaleda), Rúa Vilaboa, Avenida de Cambados (torres A Gaivota), Rúa Sobreira, Rúa Veiga do Mar, Cornazo (Praza da Igrexa), A Laxe (Praza do Souto), Rubiáns (campo da festa), As Carolinas (grupo de contedores das vivendas sindicais), Avenida López Ballesteros (estación de autobuses), Avenida Moreira Casal (estación Renfe), Avenida Rosalía de Castro 28, Praza da Constitución, Praza de Ravella (grupo de contedores fronte ao consistorio), Avenida Rodrigo de Mendoza 61, Avenida Rodrigo de Mendoza (á altura de Fexdega), Rúa Alexandre Bóveda, Edelmiro Trillo (cruce con Rúa Cobián), Avenida Agustín Romero (xunto á sede de Emerxencias), A venida Doutor Tourón 35, Rúa Camilo José Cela 16, Camilo José Cela (fronte ao estanco) e no Punto Limpo de Pinar do Rei.