Vilagarcía acadou en catro anos unha redución do 21% no consumo eléctrico

As medidas de xestión eficaz da electricidadeo no municipio permitiron diminuír en catro anos en 1,5 millóns de kwh/ano 
Centro de Vilagarcía. GONZALO GARCÍA
photo_camera Vilagarcía reduciu o consumo eléctrico un 21% en catro anos. GONZALO GARCÍA

O Concello de Vilagarcía segue a apostar pola sostibilidade. As medidas de xestión eficaz do consumo eléctrico no municipio permitiron diminuír en catro anos en 1,5 millóns de kwh/ano: un 21% menos que antes da pandemia. Malia o incremento dos prezos, como consecuencia da crise enerxética mundial derivada da guerra de Ucrania, esas medidas permitiron ao Concello aforrar ata 333.000 euros a súa factura nese período. 

Esta foi unha das conclusións que se deron a coñecer na reunión que se desenvolveu no Concello para iniciar o proceso de avaliación do Pacto das Alcaldías de Europa polo Medioambiente. Trátase dunha iniciativa europea na que os gobernos locais e rexionais comprometéronse, de forma voluntaria, a implantar no seu territorio. O plan desenvólvese con fondos europeos xestionados en Galicia pola Xunta.


O Concello de Vilagarcía adheriuse en febreiro de 2021  e elaborou o seu primeiro informe en novembro de 2021. Entre os compromisos que se adquiriron está reducir en, polo menos, un 40% as emisións de CO2 de cara ao ano 2030, tomando como ano de referencia o 2015. Ademais de aumentar a capacidade de resiliencia do concello mediante a adaptación ao cambio climático.

Tras dous anos, e tal como establece o Pacto das Alcaldías, debe avaliarse o estado das medidas que se propuxeron. Ademais de comprobar se o concello está en boa dirección para alcanzar o compromiso na redución das emisións de cara ao 2030.