Vilagarcía abre o prazo para participar no 'Conciliatardes', que beneficiará a 30 familias

Concello de Vilagarcía. DS
A cota máxima a pagar será de 100 euros en xornada completa e de 50 en medio día, en función da renta per cápita familiar

O Conciliatardes-Tardes coa Infancia, un programa socioeducativo e de lecer de apoio á infancia e á conciliación familiar e profesional, ten aberto xa o periodo de inscrición para o vindeiro curso 2022-2023. A iniciativa vai destinada a nenos e nenas nados o 1 de xaneiro de 2014 e o 31 de decembro de 2019, e desenvolverase durante os meses de outubro de 2022 a xuño de 2023 no Centro de Formación de Matosinhos. Os interesados teñen ata o 12 de agosto para formalizar a súa soli citude, e tanto as normas coma o formulario están a súa disposición na web municipal e na sede electrónica.

O número de prazas coas que conta o Servizo de Conciliatardes-Tardes coa Infancia é 20, podendo ampliarse en función da normativa vixente ata un máximo de 30. No caso de haber máis solicitudes que prazas, accederase ao servizo tendo en conta a orde de puntuación acadada na baremación. En todo caso, resérvanse 8 prazas para aquelas unidades familiares que, tras a valoración dos técnicos dos Servizos Sociais, se considere aconsellable a súa asistencia ao Programa. Igualmente, terán acceso directo ao servizo as unidades familiares nas que a nai se atope en situación de violencia de xénero.

O horario previsto é de 15.30 a 20.30 horas, establecendo un tempo de lecer e de merenda, podéndose solicitar xornada parcial ou completa nas situacións que queden debidamente xustificadas por ocupación laboral ou formativa nese mesmo horario. A entrada no servizo poderá ser entre as 15.30-16.00 horas, ou ben ás 18.00, en función do solicitado. O horario de saída establecerase igualmente en función da xornada solicitada nos seguintes tramos horarios: ou ben ás 18.00 horas ou das 19.30 en adiante e ata as 20.30 horas.

Nas bases establécense os criterios a seguir para a selección, en función dunha serie de cuestións que os solicitantes deberán acreditar. Entre elas, o nivel de ingresos, a súa situación laboral, a existencia de persoas dependentes ao seu cargo e, de ser o caso, a situación familiar: monoparental, numerosa ou en proceso de divorcio, por exemplo.

O 5 de setembro darase a coñecer unha lista provisional de beneficiados e o día 26 a definitiva. Publicada esta última, confeccionarase unha lista de agarda cos/as solicitantes excluídos, que seguirá a orde que resulte da baremación.

O custo mensual máximo por neno ou nena será de 100,00 euros pola xornada completa e 50 euros no caso da media xornada. O prazo para efectuar o pago da cota abarcará os cinco primeiros días do mes a través do procedemento que estableza a Tesourería do Concello. Para a determinación do importe mensual do prezo, tomarase da declaración do IRPF correspondente ao ano 2021 o importe dos ingresos totais de cada un dos membros da unidade familiar. Por exemplo, se a renda per cápita familiar é inferior ao 80% do IPREM, non pagará nada e o Concello asumirá o 100% do custo; se está entre o 80 e o 100%, a familia pagará o 50% e o Concello outro tanto; e se a renda per cápita é igual ou superior ao 100% do IPREM, entón pagará a totalidade da cota.