A versión galega de 'Laika' chega este sábado ao Auditorio municipal

A función comezará ás 18:00 con entradas a 5€ e 3€ para menores de 13 anos, maiores de 65 e desempregados ▶ Retroproxeccións animadas, monicreques, autómatas, sombras, actores e música componen unha peza singular sobre a primeiro ser vivo en viaxar ao espazo

Representación de la obra 'Laika'. CEDIDA
photo_camera Representación de la obra 'Laika'. CEDIDA

O Auditorio municipal de Vilagarcía acollerá este sábado unha das súas grandes apostas culturais do ano: a compañía catalana Xirriquiteula Teatre estreará na localidade do Salnés a versión galega de Laika, coa que en 2021 obtivo o Premio Max ao mellor espectáculo para público infantil, xuvenil e familiar, que se sumou aos que xa recibira pola mesma obra en diversos festivais. A función, incluída no convenio Agadic-Concello, ten un prezo de 5 euros para os adultos, e de 3 para os menores de 13 anos, os maiores de 65 e todas aquelas persoas que acrediten estar en situación de desemprego.

A obra xira arredor da famosa cadela Laika. É 1957 e estamos en Moscova, durante a Guerra Fría e en plena carreira espacial. Laika sobrevive polas rúas da xeada cidade. Nada lle fai sospeitar que o seu destino levaraa ao espazo dentro do Sputnik ll e pasará á historia da humanidade. Será o primeiro ser vivo en orbitar ao redor da Terra pero tamén unha vítima máis das loitas de poder doutros.

No espectáculo, dunha hora de duración, Xirriquiteula Teatre utiliza técnicas tan diversas como as retroproxeccións animadas, monicreques, autómatas, sombras e o traballo de actor para uns personaxes que falan nun ruso moi singular. Todo iso ader ezado por unha banda sonora creada a medida para arroupar cada escena.

Trátase, polo tanto, dun delicado traballo multidisciplinar onde todo encaixa despois de dous anos de intenso e longo traballo en colectivo. Unha organización creativa moi potente onde cada un dos creadores é especialista e ten a última palabra no seu campo pero participa igualmente na definición de todos os aspectos da obra. Un espectáculo para todos os públicos, recomendado a partir dos 4 anos, que fala, segundo a compañía, das marabillas do ceo pero tamén das inxustizas da Terra.

As entradas poden ser adquiridas a través de Ataquilla e, de non esgotarse, na billeteira do propio auditorio a partir das 4 da tarde do mesmo sábado.