Varela e o xefe de Costas visitan as praias para coñecer as actuacións a realizar

O alcalde reiterou a necesidade de consolidar o areal do Preguntoiro, reacondicionar a Concha-Compostela e reparar o muro de Bamio
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, xunto con outros membros do seu goberno na visita á praia de Bamio. CEDIDA
photo_camera O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, xunto con outros membros do seu goberno na visita á praia de Bamio. CEDIDA

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, xunto con outros membros do seu goberno, realizou durante a tarde do venres pasado unha visita aos tres principais areais do municipio, xunto co novo xefe provincial do Servizo de Costas, Miguel García García, e dous dos seus técnicos. A visita encádrase nas conversas que dende hai tempo vén mantendo o goberno local, e especificamente o alcalde e a concelleira de Urbanismo, Paola María, coa dirección xeral de Costas, en Madrid.

As principais reivindicacións teñen que ver co Preguntoiro, a praia da Concha-Compostela e o areal de Bamio. No primeiro caso vénse insistindo na necesidade de buscar unha solución que permita consolidar o areal, de xeito que as mareas non terminen por deixar ao descuberto parte do muro o algunhas das instalacións da propia praia. De acordo coas conversas xa mantidas anteriormente coa dirección xeral, a visita do venres tiña por obxecto que o novo responsable provincial e os seus técnicos coñeceran in situ a imaxe do areal e as reivindicacións de veciños, mariscadores e goberno local por boca do propio rexedor. Malia recoñecer que a propia configuración xeográfica da praia fai difícil atopar unha solución definitiva, os técnicos avaliarán as distintas posibilidades para, polo menos, mitigar o retroceso da area, sen perder de vista os intereses do sector marisqueiro e as demandas dos veciños, que non sempre coinciden.

En canto ás praias da Concha e Compostela, o alcalde referiu ao xefe provincial e aos seus técnicos, ademais do reacondicionamento do areal, décadas despois dos aportes que se lle deron a súa configuración actual, que é preciso buscar unha solución ao "cadillo", a planta con pinchos que tantas molestias causa, e ao regato que atravesa o inicio do areal para desembocar á medio camiño do peiral do Ramal.

Por último, Varela e García visitaron a praia de Bamio que, como a Compostela, conta con Bandeira Azul. Aquí, o alcalde amosou aos responsables de Costas o estado do muro que separa o areal da explanada que se vén utilizando como aparcamento dos usuarios este espazo no que conflúen o río Ulla e a ría de Arousa.

Os responsables de Costas se comprometeron a responder nun breve prazo de tempo ás demandas do concello, unha vez estudadas as distintas solucións técnicas.