Varela solicita unha entrevista co conselleiro de Educación para abordar as melloras pendentes no colexio de Carril

O alcalde e o edil de Educación de Vilagarcía reuníronse este mércores coas representantes da ANPA e visitarán o centro para comprobar a situación do tráfico nas horas de entrada e saída
Fachada del colegio Rosalía de Castro de Carril. DS
photo_camera Fachada do colexio Rosalía de Castro de Carril. DS

A demanda de melloras no colexio Rosalía de Castro de Carril chegarán á Consellería de Educación da Xunta. Así o garantiu o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, quen se reuniu durante a mañá deste mércores nas dependencias do Concello coa ANPA do centro, acompañado do edil de Educación, Argimiro Serén. Varela comunicou ás representantes dos pais e nais que trasladará de xeito directo ao conselleiro de Educación "as necesidades urxentes que ten o colexio" e que tamén demandará "a execución das melloras pendentes". Neste sentido, a carta solicitando unha entrevista co responsable autonómico, Román Rodríguez, foi remitida ao remate da reunión coa ANPA.

As demandas ante a Consellería para "conseguir que se leven a cabo as obras comprometidas e as novas necesidades que van xurdindo e son da súa competencia" xa se iniciaron o pasado ano. Agora, seguindo a orde de prioridades marcadas polos membros da ANPA, o rexedor vilagarcián pedirá ao conselleiro que primeiramente se executen os arranxos da antiga casa do conserxe, que presenta importantes danos estruturais, imposibilitando o seu uso por parte da ANPA. O rexedor asegurou que, durante a entrevista, tamén lle lembrará a Rodríguez que "a situación desta edificación foi trasladada á delegación de Educación o pasado mes de xuño, xunto co informe do arquitecto municipal, no que se especificaban os danos que presenta e que, como se acredita no documento, son de carácter estrutural", tales como fendas na estrutura e na cuberta, e que, polo tanto, "quedan fóra das obrigas de mantemento e conservación que competen ao Concello".

O alcalde e o edil de Vilagarcía reuníronse este mércores en Ravella coa ANPA do centro. DS
O alcalde e o edil de Vilagarcía reuníronse este mércores en Ravella coa ANPA do centro. DS

Varela explicou que tamén demandará o remate da reforma dos aseos do centro, unha obra comprometida "xa hai dous cursos e da que a Consellería só executou seis dos 13 baños existentes". E por último, pedirase outra actuación pola a comunidade educativa tamén leva tempo agardando, como é o cambio das fiestras do colexio.

No que respecta aos asuntos que si son de competencia municipal, aos traballos de posta a punto do centro levados a cabo antes do inicio do curso, o Concello sumará a reposición dunhas baldosas dun dos corredores e da grava do patio de xogos para nivelar fochas. Por último, o alcalde comprometeuse a visitar o centro educativo para comprobar in situ os problemas de tráfico ás horas de entrada e saída, co obxectivo de estudar posibles vías de solución.