A USC presenta aos vilagarciáns a súa carta de servizos cunha xornada do auditorio

A xornada, na que colabora o Concello e na que se mostrarán as titulacións e servizos complementarios da universidade, servirá para orientar aos estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos de cara á elección dunha carreira universitaria ▶ A actividade terá lugar o vindeiro 10 de febreiro

Auditorio de Vilagarcía. DP
photo_camera A xornada terá lugar no Auditorio de Vilagarcía. DP

Toda a oferta formativa e de servizos que ofrece a Universidade de Santiago de Compostela nos seus campus de Santiago e Lugo concentrarase o venres 10 de febreiro no Auditorio de Vilagarcía. Será a través da xornada A USC Camiña, que organiza a USC en colaboración co Concello de Vilagarcía e na que, a modo de exposición con stands informativos e unha ampla programación de mesas redondas e obradoiros prácticos, amosará aos estudantes de Vilagarcía de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos a ampla carta de titulacións que oferta a institución académica, así coma os servizos complementarios de intereses para o seu alumnado, como opcións de mobilidade, formación en idiomas, residencias universitarias, investigación, axudas, oferta deportiva e cultural, etc…

Ademais de darse a coñecer á poboación en xeral e informar sobre a nutrida lista de titulacións ás que se pode optar na USC en cada rama de especialidades, con esta xornada a USC e o Concello pretenden orientar aos estudantes que desexen acceder á Universidade e facerlles máis sinxela a elección da titulación que máis lles conveña. Por iso tamén se informa sobre a ABAU e os sistemas de acceso ás carreiras.

A xornada está aberta tamén a titulados universitarios e á poboación en xeral, xa que tamén se informará sobre o segundo ciclo de estudios universitarios, os relativos á obtención dos mestrados e doutorados; e do terceiro ciclo, destinado a que persoas maiores de 50 anos que non teñen estudos universitarios poidan continuar formándose de forma multidisciplinar a través da institución académica, como acontece no curso que desde hai dous anos se imparte en Vilagarcía a través da colaboración entre o Concello e a USC.