Urbaser é a mellor proposta para ser a nova concesionaria do servizo de limpeza

A mesa de contratación propuso a adxudicación, que deberá agora ser ratificada polo pleno
Operarios de Urbaser nunha localidade da Comunidade de Madrid
photo_camera Operarios de Urbaser nunha localidade da Comunidade de Madrid. URBASER

A empresa Urbaser, unha das principais referentes da xestión da limpeza dos espacios públicos en España, será con toda probabilidade a nova concesionaria do servizo en Vilagarcía de Arousa para os vindeiros 8 anos. Despois de varios meses de minucioso análise das seis ofertas presentadas, a mesa de contratación decidiu propoñer a Urbaser por considerar que foi a mellor proposta, por riba da segunda clasificada, Cespa, ata agora concesionaria do servizo. Con todo, deberá ser o pleno, como órgano de contratación que é dado o volume do presuposto, quen ratifique o ditame da mesa de contratación. Se Urbaser apura os prazos para presentar o aval e outra documentación, o asunto podería debaterse na vindeira sesión plenaria ordinaria, o día 23.

A proposta de adxudicación é por oito anos, cun montante global de 38.269.981,46 euros, ou o que é o mesmo: 4.783.747,68 por ano. Este canon anual divídese, a súa vez, en dúas tarefas ou servizos fundamentais: por unha banda, a renovación dos contedores, recollida e transporte de residuos e xestión do Punto Limpo, por un importe de 2.022.715 euros; e por outra, o servizo de limpeza viaria propiamente dito, por valor de 2.761.032,36 euros. Como se estipulada na licitación, Urbaser comprométese a subcontratar, durante toda a vixencia do contrato, a prestación dos servizos de recollida de papel e cartón e envases lixeiros.

Ademais de subrogar os contratos do personal que ata agora depende de Cespa (arredor de 60 persoas actualmente), a presumible nova concesionaria ofrece varias melloras. Entre elas, a creación dun espazo de reutilización e de preparación para a reutilización, que incluirá almacén e espazo de reparación de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, material deportivo, mobles ou menaxe. Igualmente, Urbaser asumirá o custe de xestión final e tratamento dos residuos do Punto Limpo, incluído o que terá carácter móbil e que acaba de poñerse en marcha) e, por último, comprométese a ter como exclusivo s e reversibles ao concello todos aqueles materiais e mecánicos que se incorporen ao servizo fóra do que marcan as cláusulas do prego de licitación (só esta mellora está valorada en máis de 180.000 dos 258.901 euros en que foron estimadas o conxunto de melloras).

Urbaser ten agora 10 días hábiles para presentar a documentación prevista na licitación, incluído un aval por importe do 5% do importe de adxudicación do contrato. Se a empresa consegue cumprir o trámite en menos tempo, entón a proposta de adxudicación si podería ser debatida, e presumiblemente aprobada, na sesión ordinaria do 23 de febreiro.

Con esta decisión porase fin a un longo proceso de licitación que polas súas características –é, de longo, o maior contrato público da administración local- precisou de asesoramento externo e de longas xornadas de análise técnico e xu rídico. Á última sesión da mesa de contratación estaban convocados todos os grupos políticos, para coñecer de primeira man a proposta dos técnicos. Sen embargo, so acudiu Lino Mouriño, polo PSOE. PP (que tiña voz e voto), BNG, En Común e Podemos –os catro, con voz pero sen voto, polo acordo de rotación nas mesas de contratación- non acudiron. Só a portavoz de Podemos, María de la O Fernández, escusou a súa presenza por un asunto familiar.

Como xa se sabe, ademais da recollida e limpeza ordinaria dos espazos públicos, o novo contrato traerá consigo tamén a posta en marcha da recollida da fracción orgánica (o contedor marrón) e da de biorresiduo forestal. Igualmente, implicará a substitución de todos os contedores do lixo para todo tipo de residuos, a renovación de toda a maquinaria e vehículos do servizo, e, en definitiva, unha adaptación aos estándares de sustentabilidade e coidado do medioambiente emanados das directivas europeas e outros compromisos internacionais.