O triángulo peonil de Rodrigo Mendoza converterase nunha gran zona verde coa plantación de 27 árbores

A actuación enmárcase na Semana da Mobilidade como exemplo de recuperación dos espazos públicos para os peóns, e comezará a vindeira semana
Presentación da Semana da Mobilidade. DS
photo_camera Presentación da Semana da Mobilidade. DS

O triángulo da avenida Rodrigo de Mendoza, que se humanizou a través dunha actuación de urbanismo táctico aproveitando a execución da ciclovía, converterase nunha ampla arboreda composta por 27 exemplares de tilo. A plantación das árbores comezará a vindeira semana como exemplo da recuperación de espazos públicos para os peóns e baixo criterios de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente. Por iso se enmarca nos actos da Semana Europea da Mobilidade, ao igual que a actividade que volverá a encher de coches a rúa Rey Daviña para concienciar aos cidadáns sobre a gran mellora e os beneficios que supuxo a primeira das peonalizacións levadas a cabo no noso municipio.

Á primeira fase para a humanización do triángulo de Rodrigo de Mendoza, que ata hai uns meses estaba invadida por coches estacionados e circulando, levouse a cabo mediante unha actuación de urbanismo táctico co obxectivo prioritario de peonalizala e habilitala como espazo para o xogo e o esparexemento das persoas, e para convertela nunha contorna segura neste tramo da ciclovía. Como estaba previsto, a humanización complétase agora coa conversión deste espazo nunha gran zona verde chea de árbores.

Durante a semana que vén plantaranse os primeiros 20 exemplares de tilo, xa dun porte considerable, e posteriormente colocaranse os sete restantes. A elección desta especie non é casual, xa que o tilo é considerado en culturas como a teutona como "a árbore do pobo".

A creación desta gran arboreda completarase nunha terceira fase a executar no futuro e que consistirá na substitución do actual pavimento de asfalto por outro de xabre compactado que, ademais de proporcionar un aspecto máis natural, pola súa permeabilidade permitirá unha mellor drenaxe da chuvia, unha propiedade especialmente axeitada nunha zona pegada ao río e con risco de asolagamento.

Os coches volverán á rúa de xeito simbólico

Por outra parte, e tamén dentro da Semana da Mobilidade, os coches regresan á rúa Rey Daviña, pero de forma simbólica. Dende mañá e durante toda a semana cinco vehículos "aparcarán" na céntrica rúa peonil e comercial, tal e como acontecía antes da súa peonalización. O obxectivo desta acción é que os veciños comparen de forma práctica o que supón unha rúa con coches e unha rúa humanizada. Para isto, a actuación complementarase cun gran panel no que se recolle unha imaxe da antiga Rey Daviña dominada polos vehículos a motor e que, colocado coa perspectiva real, permitirá ao observador facer unha comparativa moi ilustrativa coa situación actual, de xeito que poidan advertir tanto as avantaxas que a humanización supuxo para os peóns, como tamén a dinamización que supuxo, atraendo actividade comercial a unha rúa que antes estaba practicamente deserta de tendas.

Pospóñense os camiños escolares

Por último, as rutas dos Camiños Escolares Seguros que ían a comezar este venres coa sinalización dos establecementos colaboradores, pospóñense debido á que non foi posible colocar a sinalización dos traxectos durante as xornadas previas nas que estivo chovendo. Esta actividade, así como os desprazamentos diarios cos grupos de escolares que acoden aos colexios da Lomba, realizaranse tan pronto como se poida instalar a sinalización, e farase igualmente contando coa bici-biblioteca de Anxo Moure, co que tamén haberá que coordinar as datas segundo a súa dispoñibilidade.

O que sí se mantén sen cambios é a xornada de xogos tradicionais a desenvolver a partir das 17.00 horas no Parque Miguel Hernández. Está aberta á participación de todas as persoas, tanto de nenos e nenas como de adultos.