Trece empresas optan ao contrato para a demolición da antiga Comandancia de Vilagarcía

Unha vez executados os traballos, o Concello poderá poñer os terreos a disposición da Xunta para a construción do novo centro de saúde do municipio ▶ A demolición licítase por 249.700 euros e un prazo de execución de dous meses

O edificio da Comandancia. DS
photo_camera O edificio da Comandancia. DS

O antigo edificio da Comandancia de Vilagarcía está máis preto de converterse no novo centro de saúde do municipio. O Concello vén de recibir un total de trece ofertas de empresas que optan ao contrato de demolición do inmoble, ao que o Goberno local destina 249.691 euros con impostos. Unha vez adxudicadas as obras e asinado o contrato, a adxudicataria disporá dun prazo de dous meses para executar o derribo e deixar a parcela libre de escombros.

Unha vez executados estes traballos, o Concello porá a disposición da Consellería de Sanidade os terreos nos que se emprazará o novo equipamento sanitario, algo que se realizará tan pronto como se despexe a parcela ocupada actualmente polo edificio da antiga Comandancia da Mariña.

O arquitecto José María Millán é o redactor do proxecto básico e de execución da demolición e será quen asuma a dirección e coordinación da obra. Segundo se estima no expediente, a superficie a demoler acada os 2.907 metros cadrados, mentres que o volume estrutural suma 9.011 metros cadrados.

O novo centro de saúde modernizará e ampliará os servizos existentes ata o de agora no ambulatorio de San Roque e, de feito, as futuras instalacións da Avenida da Mariña contarán cunha superficie algo superior aos 5.000 metros cadrados, duplicando a que ten o edificio de San Roque. Esta maior dispoñibilidade de espazo permitirá habilitar novas dependencias e crear novos servizos, o que tamén implicará un aumento de profesionais sanitarios, segundo prevén dende o Goberno local.

A Xunta de Galicia encargarase da redacción do proxecto construtivo do novo centro de saúde e do futuro equipamento do mesmo. Segundo o Plan Funcional do Sergas, as futuras instalacións da Avenida da Mariña incrementarán en tres as consultas de medicina xeral (ata sumar 17), en 4 as de enfermería (que tamén serán 17, de xeito que cada médico teña servizo de enfermería propio), en 1 as de pediatría (ata cinco) e en dúas as de enfermería pediátrica (que tamén chegan a cinco, unha por pediatra). O novo centro permitirá contar con sala de illamento e cunha sala pediátrica para nebulizacións. Ademais, duplicaranse as consultas de especialistas (traballo social, farmacia, matrona, odontoloxía, hixienista dental ou fisioterapia), que no actual centro tiñan unha única consulta, e aumentaranse tamén outro tipo de instalacións como as salas de reanimación e observación da área de urxencias, as salas técnicas, as salas polivalentes e as consultas de docencia.


Terreos adquiridos polo Concello

Para chegar a este punto, tal e como lembran dende o Goberno local, antes foi preciso poñer de acordo ás tres administracións implicadas (Concello, Autoridade Portuaria, e Consellería de Sanidade). Esta posta en común materializouse coa firma dun protocolo a tres bandas e con acordos como a adquisición por parte do Concello da parcela titularidade do Porto por importe de 1.157.406 euros, e o compromiso do Sergas a redactar o proxecto e financiar a construción e dotación do novo centro de saúde. De xeito simultáneo tramitouse e aprobouse en Pleno o cambio de uso do solar da Comandancia, que pasou de ter unha cualificación no PXOM de "outros equipamentos" (EO) a contar co uso específico de "equipamento sanitario" (E.S.A.).