A taxa de criminalidade baixou en Vilagarcía un 13,2% no primer trimestre do ano

A vila da comarca do Salnés é a cidade con mellor evolución da provincia de Pontevedra
Asistentes á Xunta Provincial de Seguridade
photo_camera Asistentes á Xunta Provincial de Seguridade. DS

O primeiro trimestre do ano trouxo un comportamento irregular da criminalidade que se reflicte nas estatísticas que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, estudou cos oficiais ao mando da Policía Nacional e da Garda Civil. Así, mentres no ámbito urbano, competencia da Policía Nacional, as cifras subiron un 5,8% no conxunto da provincia; no ámbito rural, é dicir na zona da Garda Civil, produciuse un descenso dun 0,5%.

Abel Losada foi informado de que os primeiros deste mes de abril amosan signos claros de que a delincuencia está comezando a diminuír en tódalas cidades e mantense estable no ámbito rural, polo que agárdase que as cifras, ao remate do ano sexan moi parecidas ás do conxunto de 2023, que foi un ano bo.

O subdelegado contextualizou este primeiro trimestre, que case sempre é o peor do ano, coa “foto real” da provincia, que ten unha taxa de criminalidade de 36 delitos por cada mil habitantes, mentres que no conxunto de España está nun 51 por mil, “polo que podemos dicir que vivimos nunha provincia moi segura”. “Porén”, engadiu, “somos inconformistas e queremos estar moi espertos para actuar sobre calquera sinal de alerta”.

As mellores novas chegan dende a Comisaría de Vilagarcía, onde a delincuencia descendeu un 13,2% no primeiro trimestre do ano, rebaixando o número de delitos dende os 499 aos 433, unha baixada que foi cualificada como “espectacular” por Abel Losada. Tamén en Vilagarcía, abril estase comportando en moi boa dirección.

O outro dato positivo durante a sesión da Xunta Provincial de Seguridade achégao a Garda Civil, pois na súa demarcación o descenso é dun 0,5% no primeiro trimestre do ano. A este respecto, Abel Losada recordou que hai unha clara liña de estabilidade con respecto aos últimos anos.