'Somos Criminais 3' contará cun segundo pase tras esgotar entradas en Vilagarcía

Touriñán e Blanco volven encher o Auditorio Municipal o 21 de abril por partida dobre coa segunda xira do espectáculo que xa se representou no mesmo escenario hai un ano
Somos Criminais 3 Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco. DS
photo_camera Representación da obra 'Somos Criminais 3'. DS

Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán volven a triunfar en Vilagarcía incluso antes de ter actuado. Os humoristas acaban de colgar o cartel de completo para o espectáculo Somos Criminais 3 que representan o 21 de abril no Auditorio Municipal, razón pola cal ofrecerán unha segunda función ese mesmo día a partir das once da noite. As entradas para o segundo pase desta aclamada comedia póñense á venta o venres 10 de marzo, en Ataquilla ao prezo de 18, 15 e 12 euros (máis custes de xestión).

Se esgotar as entradas nun Auditorio de 756 butacas xa supón todo un éxito, facelo na segunda xira dun espectáculo que hai tan só un ano se representou neste mesmo Auditorio, tamén con dúas funcións cheas ata a bandeira, é unha fazaña que só Carlos e Blanco e Xosé Antonio Touriñán son capaces de protagonizar. Deixan bo sabor de boca e o público sempre quere repetir.

En Somos Criminais 3, os humoristas analizan Galicia e os seus habitantes para saber como somos e por que somos como somos. Coa retranca que os caracteriza e que é tan nosa, o espectáculo trata de responder con humor a preguntas como: somos criminais no sentido menos criminal da palabra?; temos nosa propia forma de ser e ser?; somos diferentes, somos similares ou somos iguais aos demais?; son certos os clichés sobre nós?; é certo que respondemos preguntas con preguntas?; non sabes se subimos ou baixamos?