O Servizo Municipal de Emerxencias rexistrou catro saídas de media ao día durante 2023

Recibíronse 2.889 chamadas por situación de alerta e Realizáronse 1.477 intervencións nas que foi necesario mobilizar medios, un 7% menos que en 2022

Los miembros del servicio de Emerxencias llegan a las rocas para realizar el rescate
photo_camera Integrantes do Servizo de Emerxencias durante un rescate. DS

O Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Vilagarcía vén de pechar a memoria da actividade desenvolta durante o exercicio 2023. O documento recolle datos como que se atenderon 2.889 chamadas por situación de alerta (a maiores das de tipo interno ou das que só requirían información), das cales en 1.477 ocasións foi necesario mobilizar medios. Aínda que se trata dunha cifra un 7% inferior á do ano 2022, o certo é que supón que o servizo realizou unha media de 4 saídas de emerxencia cada un dos 365 días do ano.

Segundo a tipoloxía das intervencións realizadas, as máis frecuentes foron as de asistencia técnica por elementos de risco, nas que foi preciso mobilizar medios en 301 ocasións. Este apartado desagrégase nas 90 intervencións por desprendementos de elementos de edificios, vivendas ou muros; nas 81 por caídas ou riscos con árbores; nas 78 incidencias co tendido telefónico e/ou eléctrico; así como nas 52 saídas por incidencias relacionadas con vaias, postes, carteis e outros elementos.

O segundo bloque de actuacións máis numerosas atendidas polo persoal de Emerxencias componse das incidencias municipais, que xeraron 259 das saídas realizadas o ano pasado como consecuencia de requirimentos realizados polo Concello para dar resposta a situacións de emerxencia en vías públicas ou en servizos municipais, como o peche dos parques a causa de temporais, valado de zonas para a execución dunha obra, etc…

Vilagarcía rexistrou unha media de catro chamadas ao día ao Servizo de Emerxencias Municipal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARCHIVO
Vilagarcía rexistrou unha media de catro chamadas ao día ao Servizo de Emerxencias Municipal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARCHIVO

O apartado de accidentes ocupa a terceira posición, cun total de 180 intervencións das que 96 foron por sinistro de tráfico sen feridos, 65 con feridos e 2 con persoas atrapadas nas que foi preciso efectuar excarcelacións. Ademais produciuse unha activación por un incidente con mercancías perigosas involucradas, outra por accidente marítimo e 15 por accidentes laborais.

O rescate de animais propiciou un total de 145 intervencións. Neste apartado só se contabilizan rescates propiamente ditos, non os operativos de recollida de animais soltos na vía pública, que se computan de forma independente.

O Servizo Municipal de Emerxencias tamén foi requirido para atender incidencias relacionadas con verquidos -tanto en medio terrestre como acuáticos- e retirada de obstáculos perigosos para a circulación. Sobre este punto, o ano pasado realizáronse un total de 134 saídas, das cales en 96 casos se precisou de labores de limpeza viaria.

Os traballadores do servizo municipal tamén se dedicaron a apagar lumes. De feito, foron 114 os operativos motivados por incendios (42 urbanos, 17 de mobiliario urbano, 9 forestais, 8 de orixe eléctrico, 1 industrial e 7 de vehículos). No total inclúense as 23 saídas realizadas por avistamento de fume e outras 7 por outro tipo de lumes.

Na segunda parte da táboa das tipoloxías que motivaron as saídas de emerxencia do ano 2023 atópanse as 78 actividades preventivas e de eventos programados (apoio á organización e seguridade de eventos deportivos, saídas de escolares, desfiles, etc…). Tamén no medio da lista se sitúan as 59 intervencións relacionadas coa auga (inundacións, bolsas de auga nas calzadas, etc…)

O Servizo de Emerxencias tamén é requirido en moitas ocasións para o rescate de persoas que se atopan en diversas situacións de emerxencia. En total foron 47 rescates realizados en 2023, dos cales 34 foron en vivendas, 4 salvamentos marítimos, 2 rescates en vehículo, 6 en ascensor e 1 dunha persoa que sufriu unha caída nunha contorna natural de difícil acceso.

As intervencións de apoio sanitario ocuparon 40 saídas, mentres que se atenderon 37 requirimentos de colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade.

As incidencias con gas desencadearon 13 actuacións, das cales unha delas foi unha explosión. Por ultimo, realizáronse outras 46 intervencións sen catalogar e 24 saídas que finalmente non requiriron a intervención do persoal municipal.