Santa Rita recupera a normalidade abarrotando as rúas de xente

Ravella valorou satisfactoriamente a edición de este ano na que o bo ambiente reinou nos festexos que, pese á multitude, desenvolvéronse sen incidentes
Procesión de Santa Rita en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Cientos de personas asistieron a la procesión de Santa Rita. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

As festas de Santa Rita volveron nesta edición de 2023 á súa normalidade logo de tres anos e fixérono deixando un "excelente" sabor de boca no Concello ao recuperar o ton que tiña antes da pandemia. O Goberno local amosou a súa satisfacción pola boa acollida de público que tivo a programación, así como polo bo ambiente que reinou durante as catro xornadas festivas, nas que non se rexistrou ningún tipo de incidente pese á multitude de persoas que encheron as rúas da cidade e asistiron aos eventos. Neste punto, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, salientou o éxito de público que tiveron a verbena da orquestra París de Noia, o concerto de Revólver, a sempre concorrida Feira Celta e, noutro eido, os actos relixiosos do día de Santa Rita.

O executivo considera que o resultado das festas na honra da avogada dos imposibles constata que o modelo da romaría popular urbana que caracteriza a esta celebración é o acertado e o que os vilagarciáns queren para estas datas. Por iso o Concello continuará apostando por el, complementando os elementos máis tradicionais da romaría con eventos e actos lúdicos e culturais para todo tipo de públicos e gustos, como o concerto dun grupo de renome, a xa consolidada Feira Celta ou as verbenas, xunto con actividades infantís, o concerto da Banda de Música, actuacións folclóricas e torneos deportivos, entre outros.

A maiores do singular modelo das festas de Santa Rita, no éxito da edición deste ano influíron en gran medida dous aspectos: "as gañas que tiñamos os vilagarciáns de volver a celebrar estas datas ao grande, como antes da pandemia, e que as condicións meteorolóxicas nos acompañaron os catro días, algo que non acontece todos os anos", sinalou a concelleira de Cultura, que lembrou que en 2022 houbo que cancelar varias actuacións e incluso a procesión debido ás tormentas.

Efecto dinamizador e retorno económico

A diferenza de entón, este ano desenvolveuse o 100% da programación e todos os actos e espectáculos contaron cunha elevada afluencia de público. "As rúas de Vilagarcía estiveron cheas de xente todos os días, non só na contorna de Vista Alegre e da Xunqueira coa Feira Celta, senón en todo o centro da cidade", apuntou Outón para destacar o efecto dinamizador e o retorno económico que os eventos festivos teñen na economía local, "xa que tanto o comercio como a hostalaría local incrementan a súa actividade".