San Roquiño o Pequeno volve a percorrer as rúas do seu barrio

Durante o luns 15 de agosto en Vilagarcía, como é tradición, réndese homenaxe a San Roquiño o Pequeno. O barrio de San Roque convértese no epicentro da festa coa procesión e a romaría popular pola mañá e pola noite coa verbena a cargo de Los Tres Latinos
Os Terribles de Arousa. FACEBOOK
photo_camera Os Terribles de Arousa. FACEBOOK

O barrio vilagarcián de San Roque vivirá a homenaxe que se fai cada ano a San Roquiño o Pequeno durante a xornada do luns, 15 de agosto. Haberá unha procesión, misa e unha romaría popular que fará que todos os ollos do municipio viren cara o barrio durante a mañá do luns. A celebración rematará ao pé da capela co tradicional reparto de empanada.

A Misa de San Roquiño estará cantada pola Coral de Santa Eulalia e a procesión estará acompañada pola Banda de Música e Os Terribles de Arousa. Dous pasacalles animarán a festa, Ás 12.30 o grupo de gaitas Mocedade da Torre e ás 20.30 os tamén gaiteiros Os Trasnos de Guillán.

Ás 20.30 haberá actuacións de Uxía Lambona e Banda Molona e ás 23.00, concerto de Joel Padín. Ás 22.30 horas comezará tamén a verbena no barrio de San Roque con Los Tres Latinos.

Uxía Lambona e a Banda Molona é unha agrupación musical infantil que está formada por Pali ao baixo, Ñoc á batería, Diego á gaita e á frauta, Serghaño á guitarra, Roscón ao acordeón e Uxía cantando e animando. Ten o obxectivo de facer cantar e bailar a todos os nenos e nenas, achegándolles a música tradicional galega dun xeito atractivo para eles.

A última actuación da noite, Joel Padín, é a nova promesa da música folk galega. O artista, que leva na escena musical desde o 2011, volveuse unha cara coñecida ao público galego ao quedar de primeiro no concurso da TVG Pequenos Fenómenos no ano 2018.