A Ruta do Turismo Mariñeiro suma un novo tramo en Vilaxoán e completa 10 km de litoral

O trazado abrangue da zona comprendida entre o Paseo de Canelas (en Sobradelo) ata o esteiro do Rial
Panel informativo na Ruta de Turismo Mariñeiro en Vilaxoán. DAVID FREIRE
photo_camera Panel informativo na Ruta de Turismo Mariñeiro en Vilaxoán. DAVID FREIRE

A Ruta de Turismo Mariñeiro de Vilagarcía suma dez quiómetros de litoral ao engadir un novo tramo en Vilaxoán. Este iníciase no Paseo de Canelas cun primeiro panel informativo no que se fai un breve repaso á historia da vila, así como as “xoias” arquitectónicas que nela se atopan, como os pazos de Sobrán, Pardiñas ou do Rial. Así anunciouno o concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Álvaro Carou.

No panel situado na Praia do Castelete, o visitante poderá coñecer a inseparable relación de Vilaxóan co mar a través da tradición, as praias, a actividade pesqueira e marisqueira, a tradición conserveira, as “revenidas” ou sardiñas e mesmo a afección polas traíñas.

20221007_Dfreire_013
Ruta de Turismo Mariñeiro en Vilaxoán. DAVID FREIRE

No Parque de Dona Concha e fronte á Praza de Abastos instalouse un terceiro panel dedicado “ás mulleres de ferro”, ao situarse nun parque con nome de muller a carón dunha rúa co nome doutra, Avelina Nogueira. Mulleres mariscadoras, redeiras, pescantinas, traballadoras da conserva… como Vilaxoán no seu conxunto, as mulleres vivían e viven no mar, do mar e para o mar.

A seguinte escala da ruta é no parque do Preguntoiro, un lugar a carón da praia onde se poden admirar os solpores máis fermosos. Este panel fala da paisaxe e das xentes de Vilaxoán, dos seus gustos, dos seus costumes e tradicións: A festa gastronómica e popular das Revenidas, o festival musical creado ao seu amparo, a coral de Vilaxoán, o club San Martín o Vilaxoán Canta…A ruta remata uns metros máis adiante, na Praia das Saíñas e o esteiro do Rial, unha zona máis apartada  pero de moito interese paisaxístico, etnográfico e tamén marisqueiro.

No panel “Un camiño que mira ao mar” recóllese información relativa ás antigas salinas existentes na zona, que datan do século XVII, e das que, coa marea baixa aínda se poden contemplar os restos dos muros de contención da auga; ao enclave natural refuxio de aves que é este esteiro e tamén á primeira batea para o cultivo de mexillón de Galicia e do mundo, construída no Rial.

Precisamente a través do QR deste panel se pode acceder a unha visita virtual a unha batea, incluído vídeo submarino, pasando antes por unhas panorámicas en 360 graos de toda a zona para admirar a beleza da paisaxe, os restos das salinas e ás mariscadoras traballando no areal. 
 

O Camiño de Santiago
Os paneis informativos da Ruta de Turismo Mariñeiro tamén fai referencia á tradición Xacobea ao situarse no punto de entrada en Vilagarcía da Variante Espiritual, un dos camiños seguidos polos peregrinos que acoden a Compostela. Por iso, nunha rocha da praia colocouse un perfil dunha peregrina sentada admirando a ría, ademais de un banco para peregrinos.

O responsable da empresa “Xoia”, encargada de realizar as visitas virtuais, foi quen amosou os lugares aos que se pode acceder a través dos códigos QR dos paneis, simplemente utilizando un teléfono móbil ou unha tablet, e sen necesidade de descargar ningunha app. Ademais da anteriormente comentada ao esteiro do Rial e da batea, poderanse visitar de forma virtual o casco histórico de Vilaxoán, o Pazo de Sobrán e a igrexa de San Martín .

Todas as visitas inclúen puntos de información que
ao pinchar neles ofrecen datos de interese, relevantes ou curiosidades. Tamén a través dos QR se accede ás audioguías da ruta, dispoñibles en castelán, galego e inglés.