A RPT do Concello apróbase definitivamente no pleno da vindeira semana

O documento volve a someterse á decisión da Corporación tras terse resolto as 71 alegacións presentadas tras a aprobación inicial do mes de marzo
Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

 A Corporación Municipal de Vilagarcía abordará no Pleno ordinario da semana que vén a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo do Concello. O asunto regresa ao órgano municipal tras terse resolto as 71 alegacións presentadas ao documento aprobado inicialmente no mes de marzo tras as longas negociacións levadas a cabo polo goberno local e as organizacións sindicais que representan aos traballadores municipais e que culminaron cun acordo asinado por consenso.

Ademais de establecer o correcto organigrama funcional do Concello a efectos de adaptalo ás circunstancias actuais e de contribuír a unha mellora do funcionamento dos servizos e da administración municipal, a RPT suporá unha serie de melloras para o persoal. Segundo o acordo adoptado no mes de xaneiro, a aplicación da RPT suporá un axuste salarial a executar en tres anualidades, a primeira delas xa a deste ano, concretamente a partir da mensualidade de novembro.

Coa aprobación definitiva da RPT péchanse case dúas década de negociacións falidas para sacar adiante esta medida demandada polo plantel municipal e que o executivo presidido por Alberto Varela se propuxo sacar adiante como un dos temas prioritarios do seu mandato. O proceso foi complexo e laborioso, e requiriu dunha longa negociación na que ámbalas dúas partes tiveron que ceder.