Un roteiro para manter viva a memoria de Vilagarcía

O colectivo Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía promove un percorrido polos lugares do municipio onde a veciñanza foi represaliada tralo golpe de estado do 36
Xornada sobre a memoria organizada pola asociación O Faiado da Memoria, en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Xornada sobre a memoria organizada pola asociación O Faiado da Memoria, en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Custodiar a memoria histórica e mantela viva é a razón de ser do colectivo Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía que onte realizou un percorrido por algúns dos lugares do municipio nos que consta que foron represaliados veciños e veciñas da vila trala chegada do fascismo.

Tal e como relata unha das impulsoras deste proxecto  "procuramos financiar pequenos monumentiños aos que lle chamamos roteiros", di Margarita Teijeiro, tamén vicepresidenta da asociación O Faiado da Memoria. "Estes teñen un pé de ferro e un panel explicativo pedagóxico onde van as fotos e documentos das xentes que mataron na represión", engade.

Actividade da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía este domingo no cemiterio municipal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Actividade da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica de Vilagarcía este domingo no cemiterio municipal. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Deste xeito, un grupo de persoas deuse cita onte no cemiterio de Vilagarcía, onde se atopa a fosa común que desde hai dous anos é obxecto de estudo desde a Universidade de Santiago de Compostela a instancias dos colectivos que traballan pola memoria. Alí tivo lugar unha pequena intervención para dar conta dos resultados das investigacións e a continuación visitaron dúas parroquias máis marcadas pola historia.

"O noso obxectivo agora é facer un quinto roteiro que seguramente será no monte Lobeira", conta Margarita Teijeiro. A investigadora da memoria histórica explica que ademais do roteiro colocado na porta do cemiterio municipal de Vilagarcía, a Iniciativa cidadá puxo un en Loenzo, lugar da parroquia de Rubiáns, "onde hai unha casa onde mataron a catro persoas, queimáronas dentro". Teijeiro explica que dita vivenda albergaba no ano 37 ao líder das persoas que lle fixeron fronte ao fascismo en Vilagarcía. 

Intervención no cemiterio municipal de Vilagarcía da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Intervención no cemiterio municipal de Vilagarcía da Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica. JOSÉ LUIZ OUBIÑA



"Puxemos outro nos Martices da parroquia de Cea, alí mataron a Josefa Barreiro, nai de 26 con dous nenos, así como a Enrique Mariño e José Ramón Ron, o seu cuñado Luis Iglesias e á persoa que os agochaba que era Juan Aragunde". Finalmente, érguese outro monumento en Carril en recordo das persoas represaliadas tralo golpe de estado do 36. "Está no lugar da estación vella e recolle o asasinato de sete persoas", conclúe.