VIDA SALNÉS

Rosario Maneiro: “Non podo vivir sen o mar”

Mudouse a Carril con tan só un ano, e dedicou toda a súa vida a ser mariscadora
photo_camera Rosario Maneiro para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
A miña historia
Son mariscadora, máis ben parquista, desde hai 50 anos. Son a segunda de sete irmáns. Breguei cos meus irmáns. Fun pouco á escola. Xa ía ao mar, de vez en cando, con 9 anos. Púxenme a servir nunha casa con 11 anos. Despois estiven traballando no colexio de aprendices de Renfe en Bamio. E logo estiven en Vilagarcía traballando na casa duns señores ata que casei. E ao casar xa me dediquei todo o resto da miña vida ao mar. Non podo vivir sen o mar. 

Que é unha parquista?
Unha persoa que cultiva o seu propio parque. Aínda que é unha concesión por 30 anos, eu cultivo o meu propio parque. Teño un de 2.008 metros, outro de mil metros e dous máis: un de 51 e outro de 97.

Como empezas?
Eu dedicábame ao marisqueo pero, como todo o mundo, furtivo. Cando me dixeron que as cousas se ían poñer difíciles para a xente sen permiso decidín comprar un parque. Eu non tiña un peso e fun ao banco, falei co director e díxenlle mira teño esta oportunidade pero non teño un can. E díxome el: “E cal é o problema?” E díxenlle eu: “Que non quero avales.” Eu non quería que ninguén me veña de aval porque se me sae mal eu non quero arrastrar a outra persoa. E díxome: “Non te preocupes que para ti hai cartos.” Comprín o parque a un 22% de cinco millóns de pesetas. Despois comprín outro máis que me saíu máis barato. Desde aí eu empecín a traballar. Teño cinco fillos aos que tiña que sacar adiante, o meu marido non tiña un traballo fixo; pero grazas a ter comprado os parques eu me desenvolvín moi ben, traballando bastante. 

E vives ben disto?
Vivo como calquera pobre. Eu síntome feliz, a muller máis feliz do mundo, porque son pouco ambiciosa. Eu con pouco me conformo.

Es carrilexa?
Eu nacín en Abalo, que pertence ao concello de Catoira, vin para Carril cun ano, logo son de Carril; pero eu sempre digo que cando morra quero que se me enterre en Abalo. 

Que recordas dos teu pais?
Moita felicidade. Miña nai era unha santa. Eu recordo a miña infancia feliz sen ter nada. A nosa cociña era de terra, unha lareira, un forno para cocer o pan e arriba había tres habitacións, e alí tiñamos que durmir sete fillos máis meus pais. Pero foi unha infancia moi feliz. Meu pai e miña nai cantaban que era gloria bendita oílos. Así herdamos a maioría dos fillos ese gusto pola música e por cantar. 

Viviades do mar?
Meu pai era mariñeiro e mais tamén traballabamos a terra. O mesmo que agora. Eu tamén teño unha horta. 

Como coñeces a teu home?
A meu marido coñecino o día de Santa Rita.   Eu odiaba a xente que bebía. E eu coñecino a el borracho. Estaba cun cuñado meu. El falaba e eu nin puñetero caso. E volvémonos a ver en San Antonio Faxilde, o día de San Antonio. El é unha persoa moi tímida pero xa falo eu por el. É moi bo pai, moi bo marido, un tesouro de home. Levamos 50 anos casados.

E os fillos?
Vin medrar cinco fillos diferentes, de carácter e todo. Santi, Charo, José Manuel, Carmen María, e logo Isabel. José Manuel e Carmen María seguiron os meus pasos no mar. 

E que consellos lles das?
Eu son de traballar sábado, domingo, luns e martes. Eles teñen outra perspectiva e quéixanse. Pero eu lles digo: “Tan mala vida tendes? Tendes unha casa, tendes parques, tampouco creo que vos vaia tan mal no marisqueo.” Pero eles se queixan porque din que é unha vida escrava. Eu nunca a considerei escrava, pero eles teñen a súa opinión e eu non llas vou a rebatir. 

E logo, non é duro?
Para min ir ao viveiro é mellor que ir dar unha volta ou ir ao ximnasio. Onde está o duro do traballo? É duro para a xente que non lle gusta. 

En que pensas cando traballas no mar?
En tantas cousas! A veces ata a paso rezando e non son practicante, pero si moi crente. 

É a túa meditación?
Si. Alí son feliz. Non me doe nada, e mira a artrose como a teño. 

O traballo quítache a dor?
Eu tiven un tumor na columna de catro centímetros, estiven case parapléxica e hai 24 anos que me operaron e aquí me tes. Do meu, a maioría da xente se prexubila. Eu tiña 47 anos cando me operaron. Non é que quedara nova, pero como me gusta tanto o que fago, cando estou traballando non teño dor. Eu no viveiro non sinto dor. 

E a man?
Isto é do raño, de ter sempre a man nesta posición. Así me quedou. Agora xa a teño que operar.

Rosario Maneiro para Vida Salnés. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Rosario Maneiro cunhas ameixas na man. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Vives o presente, logo?
Cando estou traballando, estou traballando. E cando estou na casa, ou estou tomando algo con alguén ou estou na coral, o demais non existe. Non penso no que teño que facer mañá. 

Arrepentícheste de algo algunha vez?
Si que me arrepentín de moitas cousas, pero bueno... a conta dos paus, das hostias que che pega a vida, ti te vas facendo máis forte e te vas como empoderando.

Cambiaches?
Fíxenme. Un faise. Si que te fas, se queres. Querer é poder. 

E á xente nova, que lle dis?
Eu sempre lles digo que fagan o que lles guste, que non se metan nun traballo que non lles guste porque non van desempeñar ben o seu traballo, nin van ser felices. Pero que tampouco pretendan ser ministros cando non estudaron. 

Que tal vos levades no mar?
Hai de todo. Eu ata hai pouco estiven enfadada cun tipo... xa estivera enfadada co pai. Eu polas boas tírasme aí nun aquel e déixome caer, pero cando teño que defender o meu, non. 

Foi polas lindes?
Na terra hai pedras, nós aí temos paus, nas lindes. E había un señor que era lindante meu que empezou a poñer paus pero con esta separación así, e eu díxenlle: “Manolo —xa morreu, Dios o teña na gloria moito tempo sen min— os paus así non que están moi xuntos e logo para o esterco quen o papo son seu, que ti vas co rastrillo e móvelo para que veña pa’ min.” E el díxome: “Pois mañá vou poñer máis.” “Pois mañá cando veñas con máis, vounas quitar eu.” El a poñer e eu a quitar. Houbo un momento que el se veu a por min co pau na man; pero el non esperou a miña reacción e cando se deu conta xa o  tiña agarrado por aquí (Rosario pon a man no pescozo) e se non veñen dous homes non sei se non o mataría. Porque me puxen tan nervosa de ver que un tipo pretendía amedrentarme e acojonarme que dixen que non. Despois daquel día, o señor foi o meu mellor amigo!

Aínda hai broncas?
Polas estracas e polos lindes máis dun hachaso houbo. 

E cando vos levades ben, que facedes?
Pois cada un ao seu e a traballar. Non tes tempo para poñerte de leria. Unha broma podes botar pero non tes tempo porque son tres horas que as tes que aproveitar. 

O maior problema?
É a falta de entendemento entre os sectores. 

Como sodes os de Carril, ademais de “afogha cristos”?
Tamén o que tirou o Cristo ao mar había que o tirar tamén a el. Ao mellor aínda flotaba. A xente de Carril, para min, é mellor coa xente de fóra. Se es o meu veciño, se te podo fundir te fundo. Sen embargo, a este que ven de fóra vouno axudar. Sempre fomos moi desunidos en Carril. 

Como vos afecta esa maneira de ser aos parquistas?
Estivemos 22 anos para facer a reordenación dos parques porque ninguén se poñía de acordo. 

E por que tanta desunión?
Eu creo que por falta de cultura. Agora tamén no mar está metida moita xente que non topou traballo noutro sitio. E hai outra xente que só está para pagar a seguridade social porque é máis barata. Entón, cando varias persoas non viven para o mesmo, non reman para o mesmo. 

Que facer logo?
Trátase de educar. Que a xente que entra no mar saiba ao que vai. Que non pretendan nunha hora quitar o marisco. 

Defínete en tres palabras.
Tenaz, honrada e boa nai. 

Ademais de rabuda, paréceme a min que es moi sensible.
Si, é que o rabudo é para esconder a sensibilidade. Eu poño unha coraza cando saio todos os días da casa. 

Que queda daquela rapaza que vivíu unha infancia feliz e dura a un tempo?
Daquela rapaza á muller de hoxe, eu véxome fortalecida como persoa, agradecida coa vida polo que me ten dado e polo que me da todos os días, e por ter unha familia marabillosa. 

TEST DE VIDA

Unha palabra?
Amor.
Un lugar?
Carril.
Unha persoa?
Meu marido.
Unha personaxe?
Rita Hayworth.
Alguén importante?
Meus pais, Ramón e Luisa. Meu pai era de Catoira, miña nai de Guillán.
Un obxecto?
Un coche, porque sen coche non vivo. Grazas ao coche fago tantas cousas: nun coro, viveiro, marido, casa e ir tomar os meus viños. Para que quero xoias? Eu necesito un coche para poder moverme.
Unha ferramenta? 
O meu raño, que faría eu sen o meu raño?
Alguén imprescindible?
Meus fillos. Vouche poñer un exemplo: eu estiven un ano sen falarme cun fillo meu. Na miña vida chorei tanto! Non quería que ninguén me vira chorar. Marchaba para o mar e era chora e chora. Por iso o máis importante para min son os fillos. O motor da miña vida.
Que é a vida?
A vida é un paso en falso. Iso é o que che vai marcar. Eu din un paso en falso cando tiña 19 anos e custoume moito sobrepoñerme. Fun nai solteira. Cando todo o mundo te sinalaba. Pero iso me fixo moi forte. Aos tres anos xa me casei con este home marabilloso que teño que nunca me botou nada en cara. Que máis lle vou pedir á vida? Para min a vida é un aquel de superación. Superei unha doenza que me deixou parapléxica e cheguei a facer pis e caca por min. Superei iso hai 24 anos. Con 72 anos que teño aínda todos os días me quero superar: se onte collín un capacho de ameixas, mañá teño que coller dous.