Román Rodríguez salienta o impulso da FP no Salnés, que medra case un 9%

O conselleiro subliña o reforzo da oferta de FP Dual Intensiva e dos másteres con novos ciclos en Vilagarcía e Sanxenxo
Visita de Román Rodríguez á empresa de Vilagarcía Thune Eureka. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Visita de Román Rodríguez á empresa de Vilagarcía Thune Eureka. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou na mañá deste venres as instalacións da empresa Thune Eureka en Vilagarcía de Arousa, para coñecer de primeira man a súa experiencia coa FP Dual Intensiva desde o curso 2022-23, unha colaboración que se vai reforzar para o vindeiro 2024/25 con novas prazas e proxectos.

Na súa visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o conselleiro subliñou o incremento da FP na comarca de Salnés-Arousa, especialmente na Dual intensiva e nos másteres, que se materializa nun incremento de preto dun 9% ata acadar as 1.527 de novo ingreso para o próximo curso. 

En Vilagarcía, o conselleiro destacou o reforzo da FP Dual intensiva no Centro Integrado de FP CIFP Fontecarmoa, con 22 novas prazas no ciclo de grao medio Instalacións eléctricas e automáticas, ou novo grupo de Mecatrónica Industrial. No que atinxe aos másteres, entran novos o de Redacción de contidos dixitais para márketing e vendas en Fontecarmoa e o de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información no Instituto IES Armando Cotarelo Valledor. Así mesmo, en FP Dual xeral entran en funcionamento novos grupos do grao superior de Comercio Internacional e Documentación e administración sanitaria, con 50 prazas cada un deles. 

Por outra banda, en Sanxenxo ofértase como novidade para o vindeiro curso o ciclo de FP Dual Intensiva de Automoción, que se impartirá por primeira vez no Instituto IES de Vilalonga, con 22 prazas.