O Revenidas, finalista en dúas categorías dos premios Iberian Festival

A cita cultural de Vilaxoán compite nas categorías de Mellor Festival Lusófono e Hispánico e de Mellor Fotografía
Imaxe do Revenidas gañadora do premio Mellor Foto. DS
photo_camera Imaxe do Revenidas gañadora do premio Mellor Foto de Festival. CHRISTIAN PÉREZ

O festival Revenidas de Vilaxoán é finalista en dúas categorías dos prestixiosos premios Iberian Festival Awards 2024. Os galardóns, que recoñecen as contribucións e logros dos organizadores de festivais e outros actores da industria en España e Portugal durante o ano anterior, contan co Revenidas entre os finalistas na categorías de Mellor Festival Lusófono e Hispánico e de Mellor Fotografía de Festival. A gala de entrega de premios da oitava edición dos Iberian Festival Awards terá lugar en Granada o 15 de marzo.

Mellor foto

Rodrigo Cuevas é o protagonista da imaxe que conseguiu ser finalista na categoría de Mellor Foto de Festival dos Iberian Festival Awards (foto de portada). Na imaxe, tomada polo fotógrafo principal do festival, Christian Pérez, pódese ver ao gañador do Premio Nacional de Músicas Actuales 2023, Rodrigo Cuevas, entre o público do Revenidas durante a súa actuación no festival o pasado mes de setembro. 

Cunha amplia experiencai en imaxe, Christian Pérez é fotógrafo do Revenidas dende hai máis de 10 anos. Ten retratado a todos os artistas que teñen pasado polo festival e a outros moitos ao logo de toda Galicia. Actualmente tamén se encarga das instantáneas dos concertos do grupo Dakidarría

Mellor festival

Por outra banda, o Revenidas é tamén finalista na categoría Mellor Festival Lusófono e Hispánico, que tén en conta os festivais celebrados en países iberoamericanos e/ou de fala portuguesa. 

Neste ámbito, os premios destacan a ampla aposta do Revenidas 2023 pola música en galego coa presenza de grupos como Arrhythmia, Dakidarría, Fillas de Cassandra, Heredeiros da Crus, Hydn, Lamatumbá, Mondra, Rebeliom do Inframundo, Sheila Patricia, The Rapants, The Skarnivals ou Xosé Lois Romero e Aliboria. 

Revenidas 2024

O Revenidas está a piques de presentar o primeiro avance de cartel para a súa próxima edición, que se  celebrará en Vilaxoán do 12 ao 15 de setembro. 
Os abonos xa están á venda na páxina web, onde tamén se pode adquirir o merchandising do festival.