O Revenidas chega este domingo á súa fin tras cinco días, con sardiñada popular e concertos gratis

Contará coas actuacións de Sés, Ortiga e Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa e Louband

Público en el festival Revenidas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Público no festival durante a xornada deste venres. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Festival Revenidas, que se celebrou durante cinco días en Vilaxoán, pon este domingo fin á súa edición máis longa e ambiciosa cunha xornada de portas abertas na que todas as actividades serán de balde "para que a xente con menos recursos tamén poida ter acceso a un día de festival", segundo subliñou o organizador, Xoán Quintáns, na presentación do mesmo.

Tras dous anos de pandemia, a cita recupera hoxe tamén a sardiñada popular, que é "o epicentro da festa", tamén en palabras de Quintáns. Foi precisamente a raíz desa sardiñada, onde hai 18 anos naceu un festival que foi madrando ata acadar a súa cota máxima nesta edición. A sardiñada terá lugar a partir das 13.00 horas no parque de Dona Concha.

Na parte musical, a derradeira xornada do Revenidas contará coas actuacións de Sés, Ortiga e Caamaño & Ameixeiras, Os Terribles de Arousa e Louband. Tamén terá lugar a tradicional gala de circo, que nesta ocasión servirá para celebrar os 20 anos en escena de Peter Punk, quen estará acompañado de convidados como Kaldi, Pajarito, Cou, Dakidarría, Leo Arremecághona, Malala e Iván e Brais das Hortas.

A maiores, a compañía Paraíso porá en escena Os diarios de Eva e Adán (Boleros no paraíso), interpretada por Inés Salvado e Sergio Piñeiro e con música en directo de Xosé Lois Romero e Xoán Porto.

As actividades da xornada complétanse con tres concertos a bordo do xeiteiro Chasula, cun aforo máximo de 12 persoas. Desta volta correrán por conta de Guadi Galego (saída dende o peirao ás 13.00 horas), Boyanka Kostova (15.00 horas) e Cardalda e Dopico (17.00 horas).