Renovados os 21 convenios coas asociacións que xestionan os centros socio culturais

Reciben unha axuda de 1.800 euros tanto os colectivos que dirixen as 18 instalacións públicas como os dos 3 centros privados ▶ As entidades dispoñen de prazo ata o 30 de xuño para presentar a proposta de gasto

Centro Cultural e Deportivo de Vilaxoán. DS
photo_camera Centro Cultural e Deportivo de Vilaxoán. DS

A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía vén de renovar todos os convenios coas asociacións e colectivos que xestionan as casas de cultura e centros veciñais do municipio. O executivo local acordou prorrogar os convenios de colaboración subscritos coas 18 asociacións que se encargan da xestión dos centros socioculturais de titularidade municipal, así como cos 3 privados que tamén desenvolven unha importante actividade cultural para a veciñanza. O Concello destina 37.800 euros a financiar os convenios, xa que cada entidade xestora recibirá unha achega municipal de 1.800 euros para afrontar os gastos de funcionamento e mantemento do centro.

As entidades beneficiarias destes convenios son, no que respecta aos centros socioculturais municipais, as asociacións de mulleres rurais A Piñousa (encargada do centro sociocultural de Cea), a asociación de veciños Agustín Romero (encargada da casa de cultura de Cornazo), a asociación de veciños de Faxilde (a do mesmo lugar), Malveiras (pola casa de Cultura de Carril), Breogán (polo cetro do Piñeiriño), a asociación de mulleres rurais Auduriña (polo centro veciñal de Sobradelo) e as mulleres de Fontecarmoa (o do mesmo lugar), as de San Xines (Bamio) e as de Xiabre (o centro de Rubiáns).

Tamén renovan o convenio as asociacións de veciños O Souto (pola xestión das instalacións de Rubiáns), San Miguel (Trabanca Badiña), Grupo San Roque (polos loca is deste barrio), a asociación de veciños San Roque (polo centro de Castroagudín), A Golpelleira (A Torre), San Martiño (Sobrán-Galáns), e a de Vilaxoán (centro social e veciñal do Preguntoiro), así como as asociación de mulleres rurais Perla de Arousa (Renza), e as de Trabanca Sardiñeira (polo centro sociocultural do barrio).

As entidades privadas que tamén se benefician destes convenios pola labor cultural e social que desenvolven nas súas sedes son O Gato Negro (Carril), Contra Vento e Marea (A Laxe) e os veciños do Sixto polas centro cultural e deportivo do lugar.

Os convenios son idénticos tanto para os centros de titularidade municipal como para os privados e implican que unha asociación da parroquia se encarga da dirección do centro sociocultural e da programación de actividades, a cambio do cal o Concello lles concede unha axuda para financiar os gastos. Para validar os convenios prorrogados, as asociacións titulares dos convenios deberán presentar unha proposta do gasto antes do 30 de xuño. Dende a Concellería advirten de que canto antes realicen este trámite, antes se lle poderá liberar o pago da axuda.