O renovado servizo 'VaiBike!' contará con 11 novas estacións e 79 bicicletas

Tras as festas o Concello procederá a dar de alta os sistemas informáticos e actualizar as 5 estacións iniciais para que sexan compatibles coas novas

Bicicletas do VaiBike!. DS
photo_camera As novas bicicletas agardan polos últimos trámites para poder empregalas. DS

A empresa adxudicataria do subministro e colocación das novas estacións coas que o Concello de Vilagarcía ampliará o VaiBIke vén de rematar a instalación das 11 novas bases. Este é un dos últimos pasos que dá o Concello para reactivar o servizo municipal de aluguer de bicicletas tras a ampliación que estenderá o VaiBike! por todas as parroquias do municipio, pasando das 5 estacións iniciais ás 16 coas que contará a partir de agora. En espera de completar os últimos flocos pendentes, a previsión é que o servizo empece a rodar no mes de febreiro.

Técnicos do Instituto Tecnológico de Castilla y León (ITCyL), adxudicataria do contrato, estiveron nos últimos días en Vilagarcía encargándose da instalación das novas estacións e do subministro das 79 bicicletas que comporán o parque móbil inicial do VaiBike!. Tanto as bicicletas como as estacións (excepto a húmidas impedía a adhesión do material) están xa convenientemente rotuladas coa imaxe do servizo e listas para a súa próxima posta en marcha.

Concluídos os traballos, os flocos pendentes son o subministro de 5 novos ordenadores para a actualización das 5 estacións orixinais, actuación necesaria para facelas compatibles co novo sistema co que funcionarán as novas. Realizado este paso, só habería que proceder a dar as correspondentes altas nos servizos informáticos que permitirán operar online e vía wifi. Mentres non se conclúan estas actuacións, as bicicletas permanecerán a resgardo nas dependencias municipais.

Os festivos e as vacacións de Nadal nalgúns sectores fan que estes últimos trámites se demoren unhas semanas máis do inicialmente previsto, pero coa previsión de que o novo e ampliado servizo estará en marcha en febreiro para facilitar que veciños e visitantes poidan desprazarse pola cidade de forma sostible e saudable, seguindo os criterios da mobilidade sostible que promove Europa e a filosofía do modelo de cidade que desenvolve o goberno local de Vilagarcía.

O Concello de Vilagarcía investiu na ampliación do VaiBike 175.450 euros que se financian a través dos fondos FEDER da Unión Europea, dentro da estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integrado (Edusi) "Vilagarcía Avanza".

Con este investimento, ás 5 estacións iniciais xa existentes no Cavadelo, na estación do ferrocarril, na praza da Liberdade (Carril), no Piñeiriño e no parque de dona Concha (Vilaxoán), súmanse agora as 11 novas situadas na urbanización do Rial, no Freixo, nos edificios de As Gaivotas (Vilaxoán), no paseo marítimo de Canelas (Sobradelo), no campo Manuel Jiménez (Fontecarmoa), na praza Ramiro Carregal (Fexdega), na rúa San Roque (nas inmediacións do IES Castro Alobre), nas Carolinas (próxima ás superficies comerciais), na Praza de Ravella (fronte ao Concello), na Praia da Compostela, e na contorna do instituto de bacharelato de Carril.

O parque de bicicletas ascende a 79 novos vehículos, 4 dos cales serán handbike, adaptados para usar con cadeira de rodas. Ademais, entre as melloras ofertadas pola empresa, se aportaron 11 unidades de cadeiras portabebés para bicicletas e un servizo garantido de resposta e reparacións en 24 horas.