A renovación do contrato da recollida de lixo e da limpeza viaria resolverase nun pleno

O contrato licitouse por case 5 millóns de euros anuais (IVE incluído) e cunha duración de 8 anos ▶ Co Pleno, a celebrar en febreiro, culmina un longo e laborioso proceso para actualizar e modernizar o contrato máis importante e máis cuantioso do Concello

Punto Limpio Móvil Vilagarcía. FERNANDO SALGADO
photo_camera Punto Limpio Móvil de Vilagarcía. FERNANDO SALGADO

O Concello de Vilagarcía porá fin en febreiro ao proceso para renovar a concesión dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria do municipio, o contrato de maior importe económico dos que manexa calquera administración local e que repercute directa e diariamente na veciñanza e na propia cidade. O complexo traballo técnico culminará co Pleno extraordinario que se convocará no mes de febreiro para resolver o contrato que se licitou por importe de 5 millóns de euros anuais (IVE incluído) e un cunha duración de 8 anos. Previamente, a Mesa de Contratación deberá reunirse por última vez para realizar a proposta de adxudicación que elevará ao Pleno.

O concurso da Contenerización, recollida e transporte de residuos, xestión do Punto Limpo e limpeza viaria" resolverase entre catro empresas, tras terse descartado as ofertas dos outros dous concursantes por non acadar o limiar de puntos sinalados nas bases para as prescricións técnicas, tal como recolle nas actas publicadas hoxe mesmo na Plataforma Pública de Contratación. As finalistas son FCC, Cespa, Urbaser e Valoriza. A Mesa de Contratación abriu onte as ofertas económicas, que oscilan entre os 4.619.558 euros por ano da máis baixa (IVE incluído) e os 4.783.747 euros da máis alta, sendo o prezo de licitación de 4.983.217 euros. Estas ofertas deben ser puntuadas xunto coas melloras ofertadas por cada concursante e elaborar o preceptivo informe de viabilidade antes poder facer a proposta definitiva de adxudicación á empresa que resulte con máis puntos tras sumarse todos os apartados.

Esta proposta será a que se someterá ao debate e aprobación por parte da Corporación Municipal nunha sesión plenaria que o goberno decidiu que sexa de carácter extraordinario para poder concluír o proceso e poder poñer en marcha o novo servizo canto antes, con todas as melloras que iso implica para a cidade.

A nova adxudicación suporá a renovación e modernización dos servizos, a súa ampliación para atender ás novas necesidades xurdidas co crecemento poboacional das últimas décadas e tamén permitirá adaptalos aos criterios medioambientais e sustentabilidade que establecen as directrices europeas en materia de xestión de residuos e que serán de obrigado cumprimento en pouco tempo. Estes son, en grades trazos, os obxectivos fixados nos pregos de licitación e que se concretan coa especificación expresa de certas obrigas na prestación dos servizos malia posibilidade da inclusión de melloras por parte das empresas ofertantes.

Coa nova xestión mellorarase a calidade do actual servizo, elevaranse os índices de reciclado e recuperación de residuos e lograrase unha limpeza viaria máis eficaz e de maior calidade, aspectos todos moi dema ndados polos veciños de Vilagarcía e aos que se pretende atender debidamente con este prego.

Optimizar a recollida e a xestión de residuos e potenciar a separación en orixe

No que ao lixo se refire, o contrato concentra a recollida e transporte de todo tipo de residuos urbanos, dende os do contedor tradicional de lixo, ao papel, envases lixeiros e residuos voluminosos, así como a posta en marcha da recollida da fracción orgánica (o contedor marrón) e da de biorresiduo forestal. Tamén se inclúe a substitución de todos os contedores do lixo para todo tipo de residuos e a renovación de toda a maquinaria e vehículos do servizo, o que, sen lugar a dúbida incidirá na mellora da prestación do servizo.

Para a renovación dos contedores do municipio seguirase un modelo que combinará os de sistema de carga lateral (que conlevan un proceso máis mecanizado que axiliza o traballo, e permiten unha maior capacidade de almacenamento), cos de carga traseira. O uso de uns e outros en cada lugar decidirase en función do espazo dispoñible en cada caso, a efectos de facilitar os procesos de manobra e baleirado por parte dos camións.

Como novidades, o contrato inclúe tamén a xestión do Punto Limpo de Pinar do Rei que agora asumía o Concello, o traslado do refugallo ás plantas de tratamento autorizadas e a recollida de residuos complementarios en mercados e eventos, ademais de tres novas prestacións que se suman á xa existente de recollida de voluminosos: os Puntos Limpos Móbiles, a recollida de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE´s) e a recollida porta a porta de residuos de cartón comercial.

Incidir na limpeza viaria e de espazos públicos

A segunda parte do contrato é a que aborda a limpeza viaria e de espazos públicos. Aquí inclúese tanto a limpeza diaria de rúas com o o desbrozo de cunetas e a limpeza de praias. Ademais da intensificación das frecuencias dos traballos e da ampliación de zonas a limpar, os pregos conteñen outras melloras na prestación tales como o servizo de baleirado e limpeza de papeleiras, o seu subministro, reparación e reposición; a limpeza de pintadas e graffitis, así como a de marquesiñas e a retirada de pancartas e carteis colocados fora dos expositores ou espazos autorizados.