Os Reis Magos lanzarán dúas tonaladas de caramelos sen glute durante a cabalgata

Melchor, Gaspar e Baltasar desfilarán polas rúas de Vilagarcía acompañados dun séquito composto por 420 persoas ▶ A comitiva partirá ás sete da tarde da Praza da II República e percorrerá o centro urbano para rematar na Praza de Ravella ante o belén vivinte

Cabalgata de Reis. ARQUIVO
photo_camera Cabalgata de Reis. ARQUIVO

O Concello de Vilagarcia xa ten todo listo para recibir este xoves ás súas maxestades de Oriente na súa visita anual á cidade. Coas carrozas engalanadas e as 420 persoas que comporán o séquito real totalmente pertrechados e ataviados para a ocasión, esta mesma mañá se cargaron as algo máis de dúas toneladas de caramelos sen glute que Melchor, Gaspar e Baltasar lanzarán durante a Cabalgata ao público que se concentre nas rúas da cidade para darlles a benvida.

O desfile partirá da Praza da II República ás sete da tarde e continuará pola Avenida da Mariña, pasando pola Alameda para dirixirse cara a Praza doutor Carús. Seguirá por Alexandre Bóveda e Alejandro Cerecedo e xirará en Doutor Tourón para pasar pola Praza de España, Edelmiro Trillo e Padre Feijoo, dirixirse a Arapiles e rematar os últimos metros a pé a través dos Xardíns de Ravella. Alí realizarán as súas ofrendas de ouro, incenso e mirra ao Neno Xesús do belén vivinte, xusto antes de dirixirse ao numeroso público que os espera cada ano na praza. Ao remate do acto, Melchor, Gaspar e Baltasar subirán ao Salón Nobre de Ravella. Onde serán recibidos polo alcalde e a Corporación Municipal e, a continuación, dará comezo a tradicional recepción real, onde os Magos de Oriente saudarán a todos os nenos e nenas que desexen dirixirse persoalmente ás súas Maxestades.