A Rede de Cidades que Camiñan premia o proxecto de Vilagarcía

O alcalde Alberto Varela acudirá a recoller o galardón que se entregará no marco do Noveno Congreso Ciudades que Caminan
Imagen de archivo de la plaza de la Independencia. F.S.
photo_camera Imagen de archivo de la plaza de la Independencia. F.S.

As actuacións que está a desenvolver o Concello de Vilagarcía nos últimos anos en materia de mobilidade e recuperación dos espazos públicos para o uso e goce dos peóns acaban de conseguir o recoñecemento da Rede de Cidades que Camiñan, a asociación sen ánimo de lucro que promove o hábito de camiñar e que as cidades estean convenientemente adaptadas para elo.

A organización fixo público onte a concesión do premio correspondente á categoría de cidades medianas á capital arousá polo proxecto Vilagarcía, unha cidade en transformación. O alcalde, Alberto Varela, acudirá a recoller o galardón que se entregará no marco do Noveno Congreso Ciudades que Caminan, No hay ciudad, se hace al andar, que se celebrará a vindeira fin de semana en Palma de Mallorca.

A Rede de Cidades que Camiñan é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa camiñabilidade. O obxectivo principal da asociación é que os viandantes sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e do espazo público, unha máxima que dende hai tempo xa defende e promove o Concello de Vilagarcía seguindo as directrices que tamén se marcan dende a Unión Europea.

Precisamente por traballar neste sentido, Vilagarcía integrouse xa hai uns anos na Rede de Cidades que Camiñan, comprometéndose con elo a mellorar os espazos públicos como lugares para camiñar, estar e socializar, abordando proxectos para fomentar a camiñabilidade e, en relación con esta, a mobilidade sostible, a accesibilidade universal, a seguridade viaria, a calidade do medio ambiente urbano e a autonomía infantil.

Nesta liña van actuación levadas a cabo polo Concello de Vilagarcía como a humanización e peonalización de novas rúas tanto no casco urbano de Vilagarcía, como de Vilaxóan e Carril, a construción do Paseo de Canelas, as actuacións de ensanche de beirarrúas e mellora da accesibilidade, as actuacións de calmado de tráfico, ou o inicio da rede de Camiños Escolares Seguros.

A concesión deste premio supón unha grata noticia para Vilagarcía, xa que a cidade copará parte do protagonismo do congreso de nivel nacional, onde se exporá o vídeo no que se relata o proceso de transformación que se está a levar a cabo, co efecto de promoción que isto supón.