Ravella recupera o concurso de iniciativas emprendedoras con premios de 16.000 euros

O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 31 de outubro ▶ Os seleccionados participarán nun proceso de academia-mentorización e terán un titor persoal para o seu proxecto

Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O xurado estará formado por representantes do concello e do tecido empresarial vilagarcián. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A concellería de Promoción Económica, que dirixe Álvaro Carou, vén de aprobar as bases do concurso de iniciativas emprendedoras do Concello de Vilagarcía. Recupérase así unha proposta que se celebrou por última vez en 2020. E faise mantendo os premios, que serán tres e dotados con 8.000, 5.000 e 3.000 euros, e reforzando a formación. O concurso está dirixido tanto ás novas ideas empresariais como a aquelas que xa están en marcha aínda que, neste caso, non poden ter unha antigüidade superior aos dous anos. Os aspirantes poderán presentar as súas solicitudes dende 1 o 31 de outubro e deberán facelo acompañando unha memoria de non máis de 10 páxinas explicando as características do seu proxecto. Toda a tramitación farase a través da sede electrónica do concello.

O xurado, formado por representantes do concello e do tecido empresarial da cidade, terá en conta os seguintes criterios para seleccionar os proxectos: Impacto na economía local do concello; potencial de creación de emprego; modernización de sectores tradicionais; viabilidade económica, comercial e técnica; efecto tractor, definido como capacidade dos servizos ofertados para ser empregados por outras empresas aumentando a súa competitividade; e actividades que dean resposta a retos medioambientais e ao cambio climático.

Unha vez elixidos os dez mellores proxectos, o concello iniciará o proceso de "academia-mentorización" cunha d uración de tres meses. Durante ese tempo, os emprendedores participarán en cinco talleres formativos sobre diferentes aspectos: definición do modelo de negocio; validación de clientes; plan de marketing; viabilidade económica, e presentación de proxecto. Igualmente, haberá un encontro networking entre as persoas participantes e diferentes perfís empresariais convidados. E, en todos os casos, os elixidos terán un titor ou titora que os guíe ata o final da definición da súa idea de negocio. Unha vez rematado o proxecto, o seus autores farán unha presentación e será entón cando o xurado elixirá os mellores.

Os premios serán de 8.000, 5.000 e 3.000 euros. Antes de facelos efectivos, os galardoados deberán acreditar o inicio da súa iniciativa empresarial nun prazo máximo de seis meses. Se o negocio xa estaba en marcha, obviamente non será preciso ese requisito para cobrar o premio.