Ravella licita a obra de reposición da herba artificial do Manuel Jiménez

A actuación permitirá dotar ao campo dun tapete de última xeración homologado para as competicións de fútbol e rugby
Campo de fútbol Manuel Jiménez. DS
photo_camera Campo de fútbol Manuel Jiménez. DS

A renovación do céspede artificial do campo municipal Manuel Jiménez vén de comezar a conta atrás coa licitación da obra na que o Concello de Vilagarcía investirá 269.000 euros. Coa actuación que se vai acometer, a instalación dotarase de céspede artificial de última xeración e coas características técnicas que establecen organismos como a FIFA QP e a WRugby para a celebración de competicións de máximo nivel tanto de fútbol como de rugby. As empresas interesadas en facerse co contrato dispoñen de prazo ata o 15 de xaneiro para presentar ofertas. A obra ten un prazo de execución de 8 semanas.

A substitución do tepe do Manuel Jiménez é unha das actuacións planificadas a través do plan de mellora e mantemento das infraestruturas deportivas municipais que desenvolve o Concello. O investimento, que se financia con fondos municipais, responde a unha necesidade xa que a herba sintética actual atópase na última etapa do seu período de vida útil –foi instalada en agosto de 2011-, e debido ao uso intensivo das instalacións está desgastada.

Ademais, con esta obra o executivo local atende ás peticións trasladadas polos clubs usuarios do Manuel Jiménez, que serán os grandes beneficiarios desta mellora posto que disporán dun campo en condicións idóneas de seguridade e para a práctica deportiva e tamén porque o céspede que se vai colocar será de gran calidade, atendendo aos criterios de homologación que establecen os regulamentos federativos internacionais de fútbol e rugby.

Os traballos comezarán coa retirada de porterías, bancos bandeirolas, así como das reixas dos canlóns de drenaxe. A continuación quitarase o tepe vello e arranxarase a capa base, regularizando as zonas que presenten pequenas depresións. Tamén se revisará a rede de saneamento, limpando e repoñendo canlóns, parafusería e demais pezas que o precisen. A actuación completarase co estendido do novo material de céspede sobre una base elástica drenante que permita una absorción de impactos superior ao 40%. Por último, volver á a instalarse o equipamento deportivo.

Este non é o único investimento relevante programado polo Concello para mellorar as instalacións deportivas municipais, xa que tamén están en marcha outros grandes proxectos como a reforma integral do pavillón número 1 de Fontecarmoa e a ampliación e mellora da piscina municipal Celestino Brianes.