Ravella inviste 34.000 euros na mellora do estadio de atletismo

Os traballos consistirán na renovación e reubicación da xaula de lanzamentos ▶ A mellora era unha das reivindicacións da Agrupación Atlética Mazí

 

Pista de Atletismo de Fontecarmoa. AGRUPACIÓ MAZÍ
photo_camera Pista de Atletismo de Fontecarmoa. AGRUPACIÓ MAZÍ

A Xunta de Goberno Local acaba de aprobar o investimento de algo máis de 36.000 euros nunha nova mellora nas instalacións do estadio de atletismo. Trátase da renovación da xaula de lanzamentos de peso e martelo, que, ademais, será reubicada noutra esquina do estadio. Renovación e cambio de emprazamento eran dúas das reivindicacións doa Agrupación Atlética Mazí que o goberno local atendeu tan pronto como foi posible. A renovación da xaula foi adxudicada a Mondo Iberica SAU por 18.136,61 euros, mentres que a obra civil de montaxe na esquina sureste do estadio foi favorable á proposta de Medulio Madera & Sport por importe de 15.647,72 euros.

Na actualidade, e como dende que se construíu o estadio, a xaula de lanzamentos está situada no esquina noreste da mesma. Para a Agrupación Atlética Mazí, a situación lóxica é a sureste, opinión que sustenta no feito de que a maioría dos lanzadores son destros, de xeito que os lanzamentos que non son correctos tenden ir cara á esquerda, é dicir, non ao centro do campo senón cara ás pistas e mesmo o exterior do propio estado. Cando eses lanzamentos non quedan na rede, poden constituír un perigo. Por iso, unha vez que se decidiu renovar a instalación, bastante deteriorada polo paso do tempo, aproveitarase tamén para facer ese desprazamento, o que significará ter que facer unha pequena obra.

Estes traballos permitirán tamén substituír a actual composición dos círculos de lanzamentos, posto que, como ben lembrou a agrupación Mazí na súa proposta, coa nova regulamentación da Federación Española de Atletismo, usando un redutor pódese competir con un só círculo, o que fai que para as competicións só haxa que instalar unha medición única para os lanzamentos de disco e martelo. Tanto Mondo como Medulio teñen un mes para desenvolver eses traballos.