Ravella inicia unha campaña informativa para estender a compostaxe comunitaria

Estanse organizando charlas coa veciñanza para expoñer o sistema que dende 2016 funciona con éxito no barrio do Piñeiriño
Composteiro de O Piñeiriño. DS
photo_camera Composteiro de O Piñeiriño. DS

As políticas de mellora da xestión dos residuos sólidos urbanos que está a aplicar o Concello de Vilagarcía con base nos criterios de sustentabilidade marcados pola UE enfócanse na actualidade á separación e recuperación da materia orgánica que forma parte da bolsa do lixo. Cos preparativos en marcha para a implantación do contedor marrón para a recollida selectiva deste tipo de residuos en toda a cidade en 2024, o Concello aposta por complementar este sistema coa compostaxe individual e comunitaria. Esta ultima medida, que funciona con éxito dende 2016 no barrio do Piñeiriño, pretende exportarse a outros puntos da cidade nos que as condicións así o permitan. Para elo, vénse de poñer en marcha unha campaña informativa e de sensibilización veciñal.

Os lugares para desenvolver a iniciativa son aquelas zonas periurbanas con poboación concentrada, pero de menor intensidade que no centro urbano, e que dispoñen de zonas verdes u espazos para instalar os centros comunitarios de compostaxe. A proposta inicial inclúe seis localizacións: os edificios Invisa (en Marxión), a contorna da Praza de Abastos de Vilaxoán, o parque do Castriño, Trabanca Sardiñeira (grupo do 25), Trabanca Badiña (contorna do parque Doutor Carús) e o parque de Matosinhos.

Nestas zonas convocarase á veciñanza a través das asociacións de cada lugar para informarlles en que consiste a compostaxe comunitaria e como funciona o sistema, destacando que non precisa máis esforzo por parte do usuario que separar os residuos orgánicos, depositalos no colector e botarlle por riba o estruturante que van ter a súa disposición alí mesmo. Incidirase especialmente en que o proceso non xera incomodidades nin produce cheiros, como demostra a práctica do Piñeiriño, e explicaráselles as avantaxas económicas e medioambientais que supón para o conxunto da comunidade este proceso totalmente natural e que se utiliza de forma xeneralizada en moitos países de Europa dende hai décadas.