Ravella humanizará a conexión entre Trabanca Sardiñeira e Rosalía de Castro

A actuación terá un investimento de 160.000 euros ▶ O talude modificarase a modo de bancadas para habilitar itinerarios de acceso peonil a través de escaleiras e ramplas e contará con zonas de descanso

 
Acceso Trabanca Sardiñeira. CEDIDA
photo_camera Acceso Trabanca Sardiñeira. CEDIDA

Rematadas as obras de humanización e mellora de accesibilidade na avenida Doutor Tourón, o Concello de Vilagarcía xa ten programada a seguinte actuación deste plan. Cun investimento de 160.000 euros, o executivo local acondicionará a vía que conecta Trabanca Sardiñeira coa avenida Rosalía de Castro. Ademais de mellorar e ampliar os itinerarios peonís no tramo da rúa que discorre baixo a vía do tren, tamén se intervirá no talude para crear zonas de estancia e acceso á urbanización da avenida de Nosa Señora dos Anxos, á vez que deixar áreas permeables que faciliten a absorción de pluviais. O Concello dispón xa da memoria descritiva do proxecto que se financiará con cargo ao Plan Concellos 2023.

A conexión entre a avenida Rosalía de Castro e Trabanca Sardiñeira a través da avenida da Nosa Señora dos Anxos é o único acceso directo do que dispoñen os habitantes desta zona de Vilagarcía, que quedou separada da franxa costeira debido ao trazado da vía do tren. O acceso discorre baixo o tendido ferroviario e por un tramo cunha pronunciada pendente, xa que ten que salvar a diferenza de cota de ata 8 metros que existe entre o barrio e Rosalía de Castro. Esta circunstancia complica a accesibilidade, especialmente a peonil, e afea a vía debido á barreira visual que supón o enorme talude que flanquea a vía.


En base ás características da zona e aos obxectivos de mellora da accesibilidade e humanización, a solución adoptada consiste en actuar no talude, que se utilizará como base para habilitar novos accesos á urbanización en forma de escaleiras e ramplas, e tamén para crear zonas soleadas de estancia ou descanso. Para isto realizaranse unha serie de bancadas construídas mediante muretes de gavións, a modo de chanzos de malla galvanizada de aceiro e recheos de pedra granítica, de xeito que manteñan a permeabilidade e, á vez, sirvan de sustento ás zonas de paso e estancia, que irán pavimentadas en formigón, así como ás zonas verdes rematadas en terra vexetal sementada.

Os chanzos que se habiliten como escaleiras construiranse en formigón armado coloreado en ton óxido e irán convenientemente achaflanados e coas arestas pulidas. Tamén se dotarán de pasamáns de aceiro cortén nos que se incorporará un sistema de iluminación. A intervención no talude concluirá coa acondicionamento das zonas verdes.