Ravella arranxará e mellorará os colexios de Carril, Piñeiriño, Rubiáns e o Vilar

As melloras levaranse a cabo nos centros de Carril, Piñeiriño, Rubiáns e o Vilar ▶ A actuación máis custosa é a que se fará no Rosalía de Castro onde se acondicionarán os accesos, limparanse os canlóns e selaranse filtracións

 

Fachada del colegio Rosalía de Castro de Carril. DS
photo_camera Fachada do colexio Rosalía de Castro de Carril. DS

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vilagarcía aprobou nas últimas semanas a contratación de diversas obras de arranxos e mantementos a realizar en cinco dos centros educativos do municipio. Cun investimento total de 34.750 euros, os traballos a realizar consisten en actuacións para resolver filtracións de auga, limpeza de canlóns e instalacións de novos portais de acceso ás instalacións. Estas medidas completan ás labores da posta a punto previa a cada inicio de curso e ás obras menores de conservación e mantemento das instalacións educativos que o Concello realiza de forma constante ao longo do ano con persoal municipal.

O maior investimento desta quenda de actuacións corresponde á do colexio Rosalía de Castro de Carril, onde se van a levar a cabo dúas actuacións cun custe total de 23.086 euros. A primeira será á do acondicionamento dos accesos peonís ao centro e consistirá na reparación de beirarrúas mediante a formación de lousas de formigón no corredor que discorre entre os muros de peche e o edificio do centro educativo, na fachada principal e na posterior. Os traballos contratáronse coa empresa César Paz, que tamén será a que execute a segunda actuación, a de limpeza dos canelóns e da cuberta e a do arranxo das filtracións existentes nas fachadas principal e posterior.

O CEIP de Piñeiriño tamén se beneficiará dunha obra de reparación de filtracións de auga que acometerá a empresa Reformas Trébol cun orzamento de 3.509 euros. Ademais de limparse as limas e os canlóns dos patios traseiro e dianteiro, revisarase o estado e aseguraranse as tellas da cuberta. Esta mesma empresa tamén realizará as obras na sede da Escola Municipal de Música, onde a problemática a resolver tamén é a de filtracións de auga a través do tellado. Ademais da limpeza de limas e do arranxo dos canlóns, aí tamén se repararán as baixantes e pintarase o tiro da escaleira. Estes traballos están presupostados en 3.448 euros.

As melloras que o Concello financiará no colexio de Rubiáns e na escola unitaria do Vilar, en Bamio, consisten na construción e instalación de portais practicables a medida e adaptados ás características de cada centro. Neste caso, os traballos adxudicáronse a Construcciones Metálicas Cuevas por importe total de 5.700 euros.