Ravella celebra este xoves un pleno extraordinario para a actualización das ordenanzas fiscais

A proposta do goberno é unha conxelación xeral de taxas e impostos ▶ O executivo estudará as propostas do concelleiro non adscrito, o único membro da oposición que realizou suxestións tras a xunta de voceiros

Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Corporación Municipal de Vilagarcía reúnese este xoves 20 de outubro, para celebrar un Pleno extraordinario para tratar de forma exclusiva a actualización das ordenanzas fiscais municipais a aplicar no exercicio económico do 2023. A proposta do goberno local é volver a conxelar de forma xeral as taxas e impostos municipais para non sobrecargar máis ás economías domésticas que están a soportar a alza de prezos de todos os consumibles.

A sesión plenaria terá lugar despois de que a semana pasada se celebrase a xunta de voceiros na que o executivo socialista dou á coñecer aos grupos da oposición a súa proposta que, como excepción e por obriga contractual, só inclúe o incremento do IPC nas taxas de abastecemento de auga e de depuración. Ademais, proponse unha modificación na ordenanza reguladora do Imposto de Circulación con obxectivo de facilitar a obtención de bonificación ás persoas con discapacidade, de xeito que se elimina a obrigatoriedade de que os beneficiarios teñan que ser os tomadores ou estar incluídos no seguro do vehículo.O executivo avaliará as achegas trasladadas polo concelleiro non adscrito, ata o de agora, as únicas propostas recibidas da oposición tras a xunta de voceiros.

O Goberno xustifica esta conxelación das taxas municipais na necesidade de non sobrecargar ás economías dos vilagarciáns en tempos de crise xerada pola pandemia do covid e aos que se suma agora a problemática do encarecemento dos prezos en xeral e dos custes enerxéticos en particular consecuencia do conflito bélico de Ucraína. Esta situación afecta tamén á administración local que igual que os veciños, tamén ten que soportar estas subidas, polo que a conxelación de taxas supón un importante esforzo que o Concello asume en beneficio dos veciños.