Ravella adxudicará o contrato para mellorar a recollida de lixo e limpeza viaria

A nova concesionaria asumirá a recollida de lixo, a renovación dos contedores e da maquinaria, a implantación de novos sistemas de reciclaxe e a xestión do Punto Limpo

El pliego de condiciones establece, entre otras medidas que serán renovados todos los contenedores. FS
photo_camera A segunda parte do contrato é a que aborda a limpeza viaria e de espazos públicos. FS

O Concello de Vilagarcía vivirá mañá un dos Plenos máis relevantes dos que celebran nunha administración municipal: o da adxudicación dos servizos de recollida de residuos e de limpeza viaria. Trátase do contrato máis importante que ten un Concello, tanto polo montante económico do mesmo -o importe supera os 32,2 millóns de euros para un período de 8 anos-, como pola repercusión diaria e cotiá que a súa prestación ten na cidadanía. A proposta de adxudicación faise a favor de Urbaser, a empresa que obtivo a mellor puntuación no concurso e que se encargará de poñer en práctica as melloras e novos servizos especificados polo Concello nos pregos do contrato que ten como obxectivo adaptar as prestacións ás actuais necesidades de Vilagarcía e aos criterios medioambientais e sustentabilidade establecidos pola UE.

Coa aprobación por parte do Pleno que previsiblemente terá lugar na sesión de mañá culminará o proceso que foi necesario para renovar a concesión dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria do municipio. A complexidade vén dada tanto polos aspectos xurídicos que conleva un procedemento desta índole, como polos técnicos, xa que o anterior contrato redactouse hai 30 anos, polo que foi preciso cambiar e adaptar os pregos aos requirimentos e necesidades do século XXI e dunha Vilagarcía que medrou moito nestas décadas.

O contrato de "Contenerización, recollida e transporte de residuos, xestión do Punto Limpo e limpeza viaria" adxudicarase por importe anual de 4.783.747 euros que se dividen en dous apartados: a renovación dos contedores, recollida e transporte de residuos e xestión do Punto Limpo, por un importe de 2.022.715 euros; e o servizo de limpeza viaria propiamente dito, por valor de 2.761.032,36 euros. 

Ademais de todo o especificado nos pregos, a maiores a empresa ofertou melloras como a creación dun espazo de preparación para a reutilización de residuos, que incluirá almacén e espazo de reparación de aparatos eléctricos e electrónicos, material deportivo, mobles ou menaxe. Igualmente, Urbaser garante a exclusividade e reversibles ao Concello toda a maquinaria que se incorpore ao servizo fóra do que marcan as cláusulas do prego de licitación.

Recollida da fracción orgánica e do biorresiduo forestal

En canto ás obrigas que lle corresponderán á concesionaria en cumprimento dos pregos, ademais de subrogar ao persoal da actual concesionaria, preto de 60 traballadores, Urbaser encargarase da recollida e transporte de todo tipo de residuos urbanos, dende os do contedor tradicional de lixo, ao papel, envases lixeiros e residuos voluminosos, así como a posta en marcha da recollida da fracción orgánica (o contedor marrón) e da de biorresiduo forestal. Tamén se inclúe a substitución de todos os contedores para todo tipo de residuos e a renovación de toda a maquinaria e vehículos do servizo, o que, sen lugar a dúbida incidirá na mellora da prestación.

Contedores de carga lateral e traseira

Para a renovación dos contedores do municipio seguirase un modelo que combinará os de sistema de carga lateral (que conlevan un proceso máis mecanizado que axiliza o traballo, e permiten unha maior capacidade de almacenamento), cos de carga traseira. O uso de uns e outros en cada lugar decidirase en función do espazo dispoñible en cada caso, a efectos de facilitar os procesos de manobra e baleirado por parte dos camións.

O contrato inclúe tamén a xestión do Punto Limpo de Pinar do Rei que agora asumía o Concello, o traslado do refugallo ás plantas de tratamento autorizadas e a recollida de residuos complementarios en mercados e eventos, ademais de tres novas prestacións que se suman á xa existente de recollida de voluminosos: os Puntos Limpos Móbiles, a recollida de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos (RAEE´s) e a recollida porta a porta de residuos de cartón comercial.

Desbrozo de cunetas, limpeza de espazos públicos, praias e mobiliario urbano

A segunda parte do contrato é a que aborda a limpeza viaria e de espazos públicos. Aquí inclúese tanto a limpeza diaria de rúas como o desbrozo de cunetas e a limpeza de praias. Ademais da intensificación das frecuencias dos traballos e da ampliación de zonas a limpar, os pregos conteñen outras melloras na prestación tales como o servizo de baleirado e limpeza de papeleiras, o seu subministro, reparación e reposición; a limpeza de pintadas e graffitis, así como a de marquesiñas e a retirada de pancartas e carteis colocados fora dos expositores ou espazos autorizados.

O Concello de Vilagarcía pretende que, unha vez adxudicada a concesión, a nova adxudicataria poida comezar a traballar cando antes, co obxectivo mellorar a calidade das actuais prestacións, elevar os índices de reciclado e recuperación de residuos e lograr unha limpeza viaria máis eficaz e de maior calidade, aspectos todos moi demandados polos veciños de Vilagarcía e aos que se pretende atender debidamente con este prego.

Malia isto, pola experiencia en procesos doutros municipios, pode darse a posibilidade de que algunhas das outras tres empresas que concorreron ao concurso recorran a adxudicación.