A rapazada xogará na Praza de Abastos para familiarizarse coa economía circular e a reciclaxe

Mediante unha xincana coñecerán os produtos do mercado público, concienciaranse sobre o aproveitamento de alimentos e o medioambiente
Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Praza de Abastos de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Un grupo de 20 rapaces e rapazas de Vilagarcía poderán familiarizarse cos beneficios da economía circular e do coidado do medio ambiente mediante unha actividade organizada pola Concellería de Promoción Económica que se desenvolverá na Praza de Abastos o vindeiro mércores, 5 de abril pola mañá. A participación nesta actividade é gratuíta e as prazas se cubrirán por orden de inscrición. Os interesados deberán anotarse cubrindo o formulario online dispoñible.

A actividade organizada polo departamento que dirixe Alba Briones enmárcase na programación de dinamización e promoción da Praza de Abastos e na procura de continuar avanzando en criterios de sustentabilidade, tamén no mercado público.

Monitores da asociación Arousa Moza serán os encargados de impartir a actividade que se desenvolverán entre as 11.00 e as 13.00 horas, tendo como punto de encontro o espazo gastronómico do primeiro andar do establecemento. Dende alí iniciaranse os distintos xogos mediante os que os participantes poderán coñecer e identificar os produtos de proximidade que se ofertan no mercado público, así como informarse sobre as avantaxas que supón mercar produtos de cercanía a nivel de redución do C02 e como medio de potenciar e economía local. Tamén mediante o xogo concienciaranse sobre o aproveitamento de alimentos e, por ultimo, abordarán aspectos sobre a axeitada reciclaxe dos distintos desperdicios resultantes, afondando na separación en orixe e o desbotado dos mesmos no contedor que corresponda para facilitar a súa correcta xestión.