Rapaces de 3 a 12 anos poderán gozar do Samaín o vindeiro luns cun espectáculo guiado

Ademais, haberá un taller de pintacaras: pantasmas, ánimas do purgatorio, esqueletos ▶ O evento, na Praza da Peixería, con entrada libre e dirixido ao público familiar, comezará ás 17;30 horas e rematará ás 20:00

Festa de Samaín no municipio. DS/ARQUIVO
photo_camera Festa de Samaín. DS/ARQUIVO

O vindeiro luns día 31, véspera do Día de Todos os Santos, a praza da Peixería acollerá unha nova edición do Samaín que organiza o Concello despois da volta á normalidade trala pandemia. Comezará ás 17:30 horas e rematará ás 20:00. O espectáculo, dirixido a un público familiar con nenos de 3 a 12 anos, terá como protagonista e condutor ao grupo de música Dani Barreiro&Friends, que presentará o espectáculo Samaín Infantil. Trátase dun evento familiar e interactivo de música e animación en directo guiado por un equipo de 3 músicos (batería, baixo e guitarra e voz) e un animador.

O espectáculo estará dividido en tres bloques. Un primeiro de música reproducida e mesturada por un DJ que ambientará, dinamizará e dará a benvida ás familias, e que contará coa axuda dun animador que interactuará cos participantes a través de bailes e xogos.

O bloque central do evento será o concerto da banda de Dani Barreiro co formato DANI&KIDS, un espectáculo interactivo de aproximadamente una hora e media de duración, no que se repasarán cancións populares infantís, de Halloween ou temática de defuntos, e outras coñecidas de todos os tempos así coma éxitos do pop-rock galego e español dende os anos 60 ata hoxe.

Para por fo punto final, o terceiro bloque do espectáculo consistirá nunha actividade aberta a todo o público asistente, con karaoke, playback e coreografías improvisadas polos participantes, sempre guiadas por Dani Barreiro e o animador.

Paralelamente, durante toda a tarde estará en funcionamento un obradoiro de "pintacaras" no que se realizarán diversos maquillaxes, aos nenos/as asistentes ao Samaín, reproducindo personaxes e elementos típicos desta celebración como pantasmas, ánimas do purgatorio, esqueletos e outros moitos máis motivos destes tempos de defuntos.