Quince persoas receptoras do Risga poderán traballar no Concello a partir do 31 de maio

Os beneficiarios traballarán como peóns en distintos departamentos municipais, durante 9 meses e a tempo completo
Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía de Arousa acaba de iniciar o proceso de contratación de 15 persoas desempregadas preceptoras da Renda de Integración Social (Risga), ao terse aprobado a subvención solicitada á Xunta de Galicia ao abeiro do programa de emprego para persoas en risco de exclusión social. Dado que a subvención autonómica só financia a contratación a tempo parcial (o 75% da xornada), o Concello asume o custe necesario para convertelas en contratos a xornada completo, de xeito que permita aos beneficiarios obter un salario máis elevado e dignificar así as condicións do contrato.

Ao tratarse de preceptores da Risga, o proceso de selección lévase a cabo a través da colaboración do Servizo Público de Emprego e os Servizos Sociais Municipais. A oferta de emprego remitiuse este venres ao Servixo Público de Emprego para que elabore as listas entre as persoas inscritas nos seus rexistros como demandantes non ocupados e ser perceptores da Risga, son os requisitos principais que deben cumprir os interesados. Entre eles, terán preferencia as persoas que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares.ç

O custe total do proxecto elaborado pola Área de Emprego do Concello ascende a 240.105 euros, dos cales 176.436 fináncianse coa subvención e os 63.668 restantes con cargo aos fondos municipais.

As 15 contratacións a realizar correspóndense á categoría de peón: 4 Peóns de Obras públicas, 7 Peóns Traballadores de Conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos e outros 4 Peóns Forestais. Os traballadores incorporaranse aos servizos municipais correspondentes e realizarán labores de acondicionamento, reparación e conservación de infraestruturas, edificios e mobiliario urbano municipal, traballos específicos de recuperación de zonas verdes e espazos medio ambientais, e mantemento e coidado de edificios e instalacións municipais.