O protocolo de Vilagarcía na pandemia é protagonista na Universidade do País Vasco

A experiencia foi unha das elixidas polo congreso ao que asisten profesionais e investigadores do CSIC e universidades
Os representantes vilagarciás na Universidade do País Vasco
photo_camera Os representantes vilagarciás na Universidade do País Vasco. DS

O protocolo de actuación deseñado e desenvolvido polos Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía durante o confinamento e os meses posteriores da pandemia expúxose como exemplo de boa práctica nas Xornadas Internacionais de Participación, Investigación-Acción e Desenvolvemento Comunitario organizadas pola Universidade do País Vasco que se celebran estes días en Bilbao. A presenza do Concello de Vilagarcía como relator supón un importante recoñecemento ao traballo dos servizos sociais municipais, xa que neste foro participan profesionais, investigadores e expertos de organismos oficiais, como o CSIC ou varias comunidadades autónomas, e de universidades de todo o mundo, como Harvard, Edimburgo, Deusto ou a Universidade de La Plata (Arxentina), entre outras.

A concelleira de Servizos Sociais, Tania García, e a coordinadora do departamento, Iria Camba, foron as encargadas de expoñer o relatorio 'Capital Social en tempo de pandemia: unha experiencia de intervención en perspectiva comunitaria'. A participación Vilagarcía enmarcouse no eixo de Desenvolvemento Comunitario das xornadas, no que tamén expuxeron os seus proxectos investigadores e profesionais da Universidade Complutense de Madrid, da Universitat de Cataluña, das de Xaén e Zaragoza e unha representante do Consello Comarcal da Alt Ampurdá.

O recoñecemento ao traballo dos Servizos Sociais do Concello Vilagarcía, ao ser seleccionada a súa experiencia para participar nas Xornadas Internacionais da Universidade do País Vasco, súmase ao Premio Ás Boas Prácticas concedido polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia en 2021 e á participación no XIV Congreso Estatal e II Iberoamericano de Traballo Social 2022 que se celebrou o pasado verán en Ciudad Real.

Garantir a cobertura de necesidades básicas

No relatorio explicouse que o Servizo de Atención Psicosocial de Urxencia COVID 19 púxose en marcha ao día seguinte da entrada en vigor do Estado de Alarma e comezou a desactivarse de forma progresiva a finais do mes de maio dese mesmo ano 2020. O proxecto tiña como obxectivo básico e fundamental dar cobertura ás necesidades básicas e urxentes das persoas máis vulnerables durante os meses de confinamento e as semanas posteriores. A través do SAPU realizáronse 4.223 intervencións a atendeuse a 1.272 unidades familiares e a 305 persoas a título individual.

Para o seu desenvolvemento contouse cos recursos humanos da Área de Servizos Sociais e outros departamentos e servizos municipais, así como de entidades do terceiro sector, asociacións, voluntarios a título persoal, docentes dalgún colexio e tamén establecementos comerciais de alimentación, hostalaría e lavanderías, entre outros. En total, o dispositivo implicou a máis dun centenar de persoas.

Tratouse dun proxecto integrador dirixido e coordinado dende os Servizos Sociais Municipais consistente en crear unha rede comunitaria de recursos e accións destinadas á inclusión social, á promoción e prevención da saúde, ao afrontamento psicosocial e emocional da situación que estábase a vivir; en definitiva, a garantir a igualdade de oportunidades, a protección e a cohesión social, a saúde da comunidade e, en especial, daquelas persoas en situación de vulnerabilidade ou maior risco de desprotección durante a crise sanitaria.

O SAPU estruturouse en 20 accións fundamentais entre as que se atopaban o teléfono de asistencia 24 horas, a atención xeral á cidadanía a través doutras 3 liñas telefónicas e o traballo de equipos interdisciplinares de garda para realizar xestións de atención, cobertura de necesidades de alimentación e aloxamento, contención, acompañamento, apoio psicolóxico, pautas educativas, prevención e proximidade. Prestouse especial atención ás persoas maiores, dependentes e que vivían soas, ás que se fixo seguimento telefónico e proporcionáronselle pautas e material socioeducativo de envellecemento activo para pasar o confinamento.

Tamén se dou aloxamento alternativo en establecementos hoteleiros, no albergue da Cruz Vermella e no albergue de emerxencia creado en Fexdega a persoas sen fogar. Habilitouse un dispositivo de aloxamento de urxencia para vítimas de violencia de xénero e familiares e xestionouse a dispoñibilidade de usar as instalacións do convento dos Padres Claretianos como residencia para familias que tiveran que illarse ou pasar a corentena e non dispuxeran de medios para facelo na casa de forma segura.

Ademais, prestáronse servizos sanitarios e axuda no fogar, así como reparto a domicilio de alimentos, medicamentos e os 'deberes' enviados polos centros educativos aos alumnos que non dispoñían de medios tecnolóxicos para conseguilos. Realizáronse actuacións específicas en asentamentos segregados con maior vulnerabilidade, incluíndo a subministración de medios de protección, termómetros, material hixiénico e material para reforzo socioeducativo; e prorrogáronse os paquetes de alimentos dentro das axudas municipais ordinarias de emerxencia para familias con menores. Tamén se reforzou o Servizo de Teleasistencia Municipal co concerto dun maior número de prazas a través de Cruz Vermella.

Por último, realizáronse campañas de cohesión social, prevención e promoción integral da saúde, a través das redes sociais corporativas e deuse ampla difusión de todas as medidas adoptadas e aos recursos ofertados.