Promoción Económica presenta o martes o Concurso de Iniciativas Emprendedoras

As responsables do proxecto 'Anónimas Viticultoras', gañador da primeira edición, exporán a súa experiencia
Centro de Emprendemento Vilagarcía
photo_camera As instalacións do Centro de Emprendemento na rúa Os Duráns. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Concellería de Promoción Económica organiza unha sesión informativa sobre o II Concurso de Iniciativas Emprendedoras do Concello de Vilagarcía. O acto terá lugar o martes, 17 de outubro, ás 19.30 horas no Centro Municipal de Emprendemento, situado na rúa Os Duráns, e diríxese tanto a emprendedores como ao público en xeral.

As persoas que asistan a esta cita recibirán información detallada sobre o desenvolvemento do concurso, o proceso de inscrición e de preselección de candidatos, sobre o contido dos premios, así como sobre os servizos de apoio cos que contarán os proxectos que destaquen nesta convocatoria.

O certame representa unha excelente oportunidade para os emprendedores grazas á cantidade de recursos que se poñen á súa disposición para axudarlles a transformar as súas ideas en proxectos, e a poñelos en marcha.

De feito, os candidatos rexistrados no concurso recibirán formación especializada, titorización individualizada e asesoramento personalizado, e proporcionaráselles valiosas oportunidades de networking. O certame culminará cun evento público onde se outorgarán os premios en metálico, valorados en 16.000,00 euros, e coa entrega dos diplomas aos proxectos gañadores e finalistas.