O programa de turismo mariñeiro complétase coa creación da ruta de Vilaxoán e visitas virtuais en realidade aumentada

A iniciaitva creada para dar a coñecer os recursos culturais, históricos, patrimoniais e marisqueiros da vila vilaxoanesa estenderase dende o esteiro do Rial ata a punta de Ferrazo, en Sobradelo
A instalación comezou nos últimos días. DS
photo_camera A instalación comezou nos últimos días. DS

A Concellería de Turismo de Vilagarcía completa este mes o seu programa de turismo mariñeiro mediante a creación da ruta dedicada a Vilaxoán, que se suma así á posta en marcha hai un ano en Carril. A iniciaitva creada para dar a coñecer os recursos culturais, históricos, patrimoniais e marisqueiros da vila vilaxoanesa estenderase dende o esteiro do Rial ata a punta de Ferrazo, en Sobradelo, establecendo escalas en enclaves de especial interese nos que se instalarán paneis informativos. Como novidade, a ruta de Vilaxoán complétase con visitas virtuais en realidade aumentada ás que se poderá acceder cos dispositivos móbiles a través dos códigos QR que aparecen nos paneis.

A instalación da ruta de Vilaxoán vén de comezar na zona de Saíñas, xusto ao inicio da senda peonil do Rial, onde se colocará a silueta dunha peregrina sentada admirando a paisaxe. Os traballos proseguirán nos seguintes días coa montaxe dos cinco paneis informativos.

O primeiro deles, onde se propón o inicio do percorrido, situarase ao inicio do paseo de Canelas, na Punta de Ferrazo, en Sobradelo e, a modo de presentación, reunirá imaxes e unha breve descrición dos recursos turísticos de Vilaxoán, así como un plano da vila mariñeira.

A seguinte parada da ruta será na Praia do Castelete, fronte a antiga nave de Pita. Alí a información do panel centrarase na tradición da industria conserveira en Vilaxoán. O Parque de Dona Concha acollerá o terceiro panel. Aproveitando a proximidade á praza de abastos centrarase nos recursos do mar e na gastronomía vilaxoanesa, con especial referencia ás sardiñas ou revenidas, pero tamén ás artes de pesca que se empregan na zona.

O cuarto panel irá no Parque do Preguntoiro e estará dedicado aos mariñeiros e veciñanza de Vilaxoán, as súas tradicióna e modo de vida, facendo referencia a etapa na que a localidade foi municipio independente. Por último, o quinto panel situarase onde remata a ruta, na zona de Saíñas, dende onde se admiran unhas excelentes vistas da zona marisqueira, das antigas salinas e dos polígonos de bateas. Precisamente, a actividade marisqueira e o fondeo da primeira batea de mexillón de Galicia son dous dos puntos destacados neste panel.

A principal novidade da ruta mariñeira de Vilaxoán é a incorporación da visita virtual en realidade aumentada para completar os contidos dos paneis. Así, a través dos códigos QR que figuran neles e sen moverse do lugar, o visitante poderá entrar de forma virtual na igrexa e o pazo de Sobrán, no casco mariñeiro da vila e na zona histórica do pazo de Pardiñas, e coñecer tamén como si estivera alí mesmo como é o traballo nunha batea, ou como extraen ameixa e berberecho as mariscadoras nunha xornada no esteiro do Rial. A visita conta co aliciente das imaxes en 360 graos que permitirán ao visitante facerse unha composición do espazo moito máis real.