O primeiro semestre da taxa municipal do lixo pon ao cobro 23.720 recibos

Algún dos contedores de lixo situados na praza de Ravella en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Ingresarase por este concepto 1.445.484 euros que se destinan a financiar o custe do servizo

O Concello de Vilagarcía abriu o período voluntario de pago da taxa municipal de recollida de lixo correspondente ao primeiro semestre do ano. Os 23.720 recibos que integran o padrón de 2024 suporán a recadación de 1.445.484,55 euros que se destinan a financiar o servizo. O prazo de cobro vai do 1 de abril ao 3 de xuño.

A maioría dos recibos emitidos están domiciliados, polo que o cobro realizarase de forma automática a través da conta bancaria sinalada, estando fixado o cargo para o día 2 de maio. Os recibos que se cobrarán deste xeito son un total de 18.750 recibos e suman un importe de 1.140.015,17 euros.

Os restantes contribuíntes poden cumprir coa obriga fiscal a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello de Vilagarcía, ou en calquera das entidades bancarias colaboradoras (Abanca, BBVA, Banco Sabadell, Banco Santander e Caixabank). Para iso deben dispor previamente da carta de pago (o recibo) que, en caso de non tela recibido por correo, poden obter a través da Oficina Virtual Tributaria ou nas oficinas de Recadación do Concello.

O Servizo de Recadación informou tamén de que os contribuíntes aínda están a tempo de domiciliar os seus recibos, evitando así maiores molestias ou despistes, para o cal deben dirixirse as súas dependencias, polo menos, 15 días antes da data de cargo en conta (prevista para 2 de maio). Lémbrase que aos contribuíntes que non abonen o cargo no período voluntario, xa sexa de forma directa ou mediante domiciliación, esixiráselles o pago mediante a vía de prema, coa aplicación dunha recarga dos xuros que correspondan.

Exposición pública do padrón

De forma paralela á apertura do prazo de cobro, o Concello tamén expón ao público o padrón do recibo do lixo durante 20 días hábiles a contar dende o 1 de abril. O documento poderá consultarse nas dependencias municipais a efectos de comprobar os datos e, de ser o caso, interpoñer recurso.